O ciclo Acompañar no reto de educar aborda en Fene o vindeiro luns a conduta alimentaria na infancia e a prevención de trastornos asociados
A psicóloga clínica Yésica Bouza Sanmartín conducirá o vindeiro luns 27 de maio, unha nova sesión do ciclo “Acompañar no reto de educar” que organizan os Servizos Sociais de Fene.
Nesta novo encontro, que se desenvolverá de 18 a 20 horas na Casa da Cultura de Fene, abordarase a “Conduta alimentaria na infancia e prevención de trastornos asociados”. Algúns dos asuntos a tratar serán: a aceptación de diferentes corporalidades; hábitos desde unha perspectiva global de saúde; alimentos que necesita o corpo e o cerebro para un correcto funcionamento; como se desenvolve unha boa conduta alimentaria; pautas de prevención dos trastornos da conduta alimentaria; ou que pasa cos ideais de beleza que asumen nenos e adolescentes.
“Acompañar no reto de educar” artéllase como espazos en familia onde se informa, reflexiona e comparte. Trátase dunha iniciativa da agrupación de concellos de Fene, Mugardos e Neda, subvencionado pola Consellería de Sanidade, co obxecto de sensibilizar, mellorar e complementar a información nas familias a nivel emocional e de previr condutas aditivas de maneira precisa e axeitada.
O ciclo vai dirixido a todos os públicos, ANPAs, entidades sociais, familias e preadolescentes. As prazas cubriranse por orde de inscrición ata completar aforo (inscricións mediante o código QR).
Servicio de conciliación
Ao obxecto de que as familias poidan dispoñer dun tempo para acudir as sesións, paralelamente estará dispoñible un espazo para as crianzas con monitorado para dinamizar ao grupo. Para solicitar o servizo de conciliación cómpre dirixirse aos Servizos Sociais do Concello de Fene (último día para solicitalo o venres anterior a cada sesión). Prazas límitadas.