Éxito de acollida veciñal das xornadas informativas en Narón sobre o PXOM

 
A alcaldesa da cidade de Narón, Marián Ferreiro, participou na primeira das xornadas convocadas dende o goberno local para informar á veciñanza sobre a aprobación inicial do PXOM e o período de presentación de alegacións, que rematará o vindeiro 15 de xullo.
 
A rexedora local desprazouse ao local social do Paraxe, na citada parroquia, onde estivo acompañada do edil de Urbanismo, Pablo Mauriz, do presidente da comisión de seguemento do PXOM, o edil Manuel Ramos; o arquitecto municipal, Manuel Otero, e dous representantes do equipo redactor do citado documento.
 
As sesións programadas para este mes continuarán este mércores 22 no local social da Gándara; este venres 24 no centro cívico social de Pedroso; o vindeiro luns 27 no local social da asociación Virxe de Fátima, en Freixeiro e o mércores 29 no centro cívico social do Val.
 
Así mesmo, as convocatorias para informar á veciñanza continuarán no mes de xuño, ata completar todas as parroquias e barrios da zona rural e urbana da cidade. O luns 3 de xuño terá lugar o de Doso, o día 5 o de Piñeiros; o 7 o de San Mateo; o 10 o de Santa Icía; o 12 o de San Xiao; o 14 o de Xuvia; o 17 o de Sedes, o 19 o do Couto e, finalmente, o 21 o do Alto do Castiñeiro. En todos os casos levaranse a cabo nos centros cívicos sociais e darán comezo ás 19:00 horas.
 
Nas xornadas informativas ofrécense á veciñanza as opción de que dispoñen para consultar o novo PXOM e mesmo formular alegacións ao documento, no caso de que o consideren oportuno.
 
Así o recordou Ferreiro, que explicou á veciñanza que se habilitou un servizo de atención ao público no propio Concello, operativo os luns, martes, xoves e venres, sen cita previa, onde funcionarios municipais informarán no terceiro andar dnde as 10:00 ata as 13:30 horas.
 
Así mesmo, os mércores o equipo redactor atenderá á veciñanza con cita previa os mércores de 10:00 a 13:30 e de 15:30 a 18:30 e os luns e venres de 15:30 a 18:30 horas.
 
A cita pode solicitarse chamando ao número de teléfono 981 337 700 (extensión 1602 e 1610) e tamén a través do correo electrónico: edificabilidade@naron.gal.
 
É imprescindible que as persoas que fagan uso do servizo, tanto na modalidade de cita previa como nas outras, que acudan coas referencias catastrais das parcelas obxecto de cada consulta, co fin de axilizar o procedemento.
 
Nas xornadas informativas tamén se informa do modelo de alegacións disponible no rexistro municipal e na páxina de transparencia, que se pode consultar e descargar a través do enlace https://naron.transparencialocal.gob.es/gl_ES/categoria/normativa/otros.
 
O equipo redactor realiza unha exposición das liñas xerais do PXOM e como se chega á redacción do plan e as diferentes normativas para, posteriormente, centrarse na situación en que queda cada barrio ou parroquia da cidade, centrándose en cada caso na que se convoca a xornada informativa.
 
A alcaldesa destacou a importancia de celebrar estas xornadas informativas “co fin de que as veciñas e veciños dispoñan de todas as facilidades posibles para realizar as consultas que estimen oportunas e tamén para que poidan revisar o documento e presentar alegacións, no caso de así consideralo, para que posteriormente as estude persoal técnico”.
 
Ferreiro recalcou que “o novo PXOM marcará as liñas do futuro crecemento da nosa cidade, de aí que queiramos que saia adiante co maior consenso posible tamén dos veciños da cidade”.
 

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …