Fene inicia este venres 24 o seu XIV Concurso de Tapas

As tapas poderanse probar na fin de semana do 24 ao 26 de maio, e na do 31 de maio ao 2 de xuño. As persoas participantes poderán gañar unha viaxe a destinos seleccionados que inclúe billetes de avión e dúas noites de hotel.

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, e a concelleira de promoción económica e turismo, Ángeles Coira, presentaron o XIV Concurso de Tapas que comeza este venres, e no que nove establecementos compiten nas categorías de Tapa Tradicional e Tapa Creativa.

Durante o anuncio, as representantes municipais deron conta da mecánica do certame, así como da composición do xurado profesional, que estará formado por unha persoa en representación do Concello de Fene, outra da Asociación de Empresarios de Hostalería Ferrol e Comarcas e unha terceira do Departamento de Hostalería e Turismo do IES Fraga do Eume.

“Estas tres persoas serán as encargadas de probar todas as tapas do concurso para outorgar os premios da Tapa Creativa e Tapa Tradicional, valorando aspectos como os ingredientes, a elaboración, a creatividade, o sabor, a presentación e o concepto”, apuntou a concelleira de promoción económica e turismo, Ángeles Coira.

A veciñanza e visitantes que participen no Concurso de Tapas tamén poderá participar co seu voto a través do pasaporte “Fenerruta”. Esta votación popular outorgará os premios Tapa Popular Creativa e Tapa Popular Tradicional.

Durante a presentación, o alcalde de Fene, Juventino Trigo, destacou que “O Concurso de Tapas pon en valor o traballo que desempeña a diario a hostalería local, en aras de mellorar e de ofrecer ao público creacións capaces de sorprender”. Avanzou tamén que “Quen se achegue a Fene estas dúas fins de semana quedará asombrado polas propostas que entran no concurso, que demostran a capacidade do sector fenés”, concluíu.

Coira e Trigo tamén tiveron palabras de agradecemento aos establecementos participantes, e ás empresas que colaboradoras desta edición, que contribúen con diferentes premios.

Cada tapa terá un prezo de 1,50 €. Poderán degustarse nas próximas dúas fins de semana, comezando este venres, en horario de 20 a 22 horas. O sábado, o horario será de 13 a 15h e de 20 a 22h, e os domingos de 13 a 15h.

O Son de Cociña- Tapa “O sol da cociña”

Premios para a clientela e establecementos

Entre todas as persoas votantes que selen correctamente o Pasaporte FENERRUTA sortearase unha viaxe para dúas persoas a Milán, Sevilla, Alacante, Gran Canaria ou Valencia, cortesía de Estrella Galicia, que inclúe avión, aloxamento e seguro de viaxe. Tamén unha limpeza da tapizaría dun vehículo, cortesía de Ecolimpauto.

Ademais, entre todas as tarxetas cumprimentadas pola clientela nos propios establecementos, sortearase un obsequio (cortesía de Electro Agro Fene); tres estoxos de produtos de Bodegas Barral (cortesía de Bodegas Barral); un mes de clase en calquera modalidade na Escola de Música Bellón-Maceiras (cortesía da propia Escola) e tres libros de cociña (cortesía da Imprenta San Esteban).

Cafetería Bombay cos seus “Crepês de peixe e marisco”

En canto aos establecementos, os primeiros premios das categorías Tapa Creativa e Tapa Tradicional recibirán, ademais dos trofeos conmemorativos, un Cofre VIP “2 días románticos” (cortesía de Organiza Viajes e de Arlo Viajes, respectivamente).

No caso dos premios do público, os primeiros premios da Tapa Popular Creativa e Tapa Popular Tradicional recibirán un trofeo e un kit de empratado e decoración, cortesía de Establecimientos Aguilar. Os establecementos que queden en segundo lugar recibirán un trofeo.

Tapas a concurso

-Na categoría de Tapa Tradicional participarán tres establecementos, O Son de Cociña coa súa proposta “O sol da cociña”, a Cafetería Bombay cos seus “Crepês de peixe e marisco” e o CCRD Perlío co “Montadiño ao tío Pepe”.

CCRD Perlío co “Montadiño ao tío Pepe”.

-Competindo na categoría de Tapa Creativa estarán Arrecendo, con “Arrecendo a mar”; Bar A Ponte con “Tres continentes”; Galicuba coa “Delicia cubana”; Cafetería Lembranza con “Ruliña!”, o CMIU de Fene coa “Bolsa de Ouro” e o Pachamama co “Tartar de Langostinos”.

Arrecendo, con “Arrecendo a mar”
Galicuba coa “Delicia cubana”
Cafetería Lembranza con “Ruliña!”
CMIU de Fene coa “Bolsa de Ouro”
Pachamama co “Tartar de Langostinos”.

Lea también

El Papa recibe a una delegación del Seminario Interdiocesano de Santiago y les anima a «seguir con fortaleza»

El Papa ha recibido en audiencia en el Vaticano a los formadores y seminaristas del …