Cedeira amplía este verán o programa de senderismo

O Concello de Cedeira pon en marcha un ano máis un programa de rutas guiadas de sendeirismo para o verán. A proposta artéllase, a través da empresa de turismo activo Portal Norte, con seis itinerarios diferentes e un calendario de 36 saídas desde mediados de xuño ata mediados de setembro.

Son percorridos de entre catro e seis horas, de dificultade baixa ou media na súa maioría, orientadas á descuberta do extraordinario patrimonio natural de Cedeira e os seus valores culturais e etnográficos da man de guías locais con gran coñecemento e experiencia neste tipo de actividade.

A inscrición, que se realizará na Oficina de Turismo, é gratuíta.

As rutas propostas, que eran tres o ano pasado, duplícanse desta volta nunha aposta do Concello por potenciar o turismo activo, sostible e respectuoso co medio ambiente. Todas elas terán un máximo de 15 participantes agás a dos Peiraos, na que o límite serán 7 persoas, e todas teñen unha duración de entre tres e catro horas, estimadas a un ritmo máis ben lento, agás a dos Peiraos que é un pouco máis longa. Son as seguintes (as datas poderán modificarse por mor da meteoroloxía):

Circular Robaleira: dificultade baixa/media e percorrido de 8 quilómetros, cun desnivel acumulado de 400 metros aproximadamente. A ruta comeza ás 10.00h na Oficina de Turismo e vai polo sendeiro que leva desde as vellas fábricas de San Isidro ao Faro de Robaleira. Nesta zona, o grupo pode ver a antigua cetaria e a cala Mi Señora, así como gozar coas fermosas vistas da.

O regreso realízase polo camiño que leva da cala Burbullas ao Barral. Días 17 e 29 de xuño, 24 de xullo, 5 e 24 de agosto e 4 de setembro.

Altos de Santo André: dificultade baixa/media e percorrido de 7,5 quilómetros, cun desnivel acumulado de 600 metros. O punto de encontro é o mirador dos Carrís, ás 10.00h, e a andaina remata no mesmo punto de partida.

É unha ruta circular pola serra da Capelada na que o grupo pode gozar das incribles vistas desde os acantilados de Teixido e a garita de Herbeira, asomándose ao mar das rías de Cedeira e Ortigueira. Días 26 de xuño, 8, 20 e 31 de xullo, 19 e 31 de agosto e 14 de setembro.

Circular Garita de Herbeira: dificultade baixa/media e 8 quilómetros, cun desnivel de 500 metros.

A saída é desde a garita de Herbeira ás 10.00h e o regreso ao mesmo sitio. O percorrido descende pola beira do cantíl máis alto da Europa continental, cunhas vistas extraordinarias dos acantilados, a serra da Capelada e a ría de Ortigueira. Días 19 de xuño, 1 e 13 de xullo, 7 e 26 de agosto e 7 de setembro.

Circular Río Condomiñas: dificultade baixa e 8 quilómetros, cun destivel de 200 metros. A saída e o final da camiñada será o parque “dos patos” no casco urbano de Cedeira, desde o que se segue o curso do río Condomiñas ata os muíños de Malde.

Desde alí o regreso ao pobo é por pistas de asfalto, subindo ata a Ribeira e baixando por Fernando Lago para desfrutar do casco antigo. A ruta comeza ás 10.00h. Días 22 de xuño, 3 e 15 de xullo, 28 de agosto e 9 de setembro.

Circular Punta Sarridal/A Meda: dificultade baixa/media e 8 quilómetros, cun desnivel acumulado de 900 metros e con algunhas pendentes pronunciadas que requiren dun mínimo de forma física.

A ruta comeza no aparcadoiro do Castelo da Concepción ás 10.00h e vai polo Sarridal, pasando pola capela de San Antón ata a punta da Meda, seguindo a xa coñecida como ruta dos Peiraos. O percorrido volve ata o inicio por un dos sendeiros máis espectaculares de Cedeira, pasando pola Cruz do Mudo, as Blancas, o Castro Sarridal e As Sonreiras. Días 24 de xuño, 6, 17 e 29 de xullo, 10 de agosto e 11 de setembro.

Ruta dos Peiraos: e a ruta máis longas das propostas, con 15 quilómetros de percorrido, dificultade media/alta e un desnivel acumulado de 1.200 metros. O itinerario comeza ás 09.00h no porto de Cedeira e chega ata o santuario de Santo André de Teixido. Días 15 de xuño, 10 e 22 de xullo, 3 e 21 de agosto e 2 de setembro.

Lea también

Puesta en marcha en Ortigueira del I Certamen de Decoración de Navidad

El Concello de Ortigueira pone en marcha el primer Certamen de Decoración de Navidad, una …