O Xeoparque Cabo Ortegal, recoñecido pola UNESCO como Xeoparque Mundial, celebra neste mes de maio o seu primeiro aniversario. Por este motivo especial, e coincidindo coa Semana dos Xeoparques Europeos, organízase unha completa axenda de actividades divulgativas abertas ao público xeral.
Entre esta oferta de actividades destacan as visitas guiadas gratuítas nas que, en grupos reducidos, poderán explorarse distintos aspectos do Xeoparque. Unhas saídas que resultan axeitadas tanto para as persoas entusiastas da xeoloxía, como tamén para familias que procuran unha actividade educativa á vez que divertida.
Visitas guiadas
Nas fins de semana do 18 e 19 e do 25 e 26 de maio, realizaranse unha serie de visitas guiadas que permitirán coñecer o Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas e o Museo Mares de Cedeira, así como achegarse á ornitoloxía, á cultura mariñeira e as XeoRutas da costa e do interior.
Visita guiada ao Castelo de Moeche: realizaranse dúas visitas guiadas ao Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas, no Castelo de Moeche. A primeira será o 18 de maio, ás 11.30 horas, e a segunda o 19 de maio ás 17.00 horas.
Visita guiada ao Museo Mares de Cedeira: poderase realizar o 18 de maio ás 16.00 horas e o 19 de maio ás 11.00 horas.
Ruta de aves e nutrias. Trátase dunha ruta con desprazamentos en coches até 4 ou 5 puntos de observación para ver aves acuáticas. O percorrido rematará cun pequeno roteiro de 3 quilómetros, buscando a ruta da nutria e outro tipo de mustélidos. Será o 25 de maio entre ás 10h, cunha duración de 3 horas.
Ruta dos peiraos de Cariño. Nun percorrido de 10 quilómetros, nesta ruta de dificultade media – baixa que parte do Peirao de Cariño pasarase por diferentes peiraos, regresando polo monte contando como fío condutor a cultura mariñeira. Será o 25 de maio de 16 a 20 horas.
XeoRuta de interior. Guiada por Fran Canosa, nesta ruta visitarase a Serra do Forgoselo, as Canteiras de Toelo en Moeche e as Minas de Cobre en Cerdido, desprazándose en autocar (incluído). Terá lugar o 25 de maio entre as 16 e as 20.30 horas.
XeoRuta da costa. Guiada por Fran Canosa, esta ruta visita os Cantís da Capelada, Cabo Ortegal e a Costa de Espasante. Inclúe autocar e será o 26 de maio entre as 9.30 e as 14.30 horas.
Para participar nestas visitas e roteiros guiados é preciso inscribirse previamente a través da web https://xeoparquecaboortegal.gal/
Charlas divulgativas do Comité Científico
A programación conmemorativa do primeiro aniversario do recoñecemento da UNESCO ao Xeoparque Cabo Ortegal inclúe tamén a celebración de dúas charlas divulgativas online, nas que participarán diferentes membros do Comité Científico do Xeoparque.
O especialista en xeomorfoloxía e membro do Departamento de edafoloxía e química agrícola da USC, Augusto Pérez Alberti, ofrecerá unha conferencia sobre “O patrimonio glaciar do Xeoparque Cabo Ortegal” o día 22 de maio ás 19 horas.
Pola súa banda, o biólogo da Sociedade Galega de Historia Natural, Xan Rodríguez Silvar, falará dos “Outros valores ambientais da Capelada” nun conferencia que terá lugar o día 23 ás 19 horas.
Ambas as dúas poderanse seguir en directo desde as redes sociais do Xeoparque Cabo Ortegal, sen necesidade de inscrición previa.
Obradoiros nos Centros Educativos
Varios centros escolares do territorio participarán tamén da Semana dos Xeoparques Europeos coa organización de obradoiros en aula sobre minerais, impartidos polo xeólogo Francisco Canosa. Neles o alumnado poderá achegarse a coñecer a xeoloxía da súa contorna, dunha forma didáctica e práctica.
Acto central
O acto central deste calendario de actividades conmemorativas do primeiro aniversario do Xeoparque Cabo Ortegal terá lugar na Casa da Cultura do Concello de Valdoviño, o venres 24 de maio ás 17.00h.
Tras a benvida e as intervencións institucionais, realizaranse dúas presentacións (“Un ano como Xeoparque Mundial da UNESCO” e “Unha viaxe ao Interior da Terra”, por Ricardo Arenas, membro do Comité Científico). A continuación intervirán as representantes do Foro Español Geoparques e European Geoparks Network, e se fará o recoñecemento ás Entidades Amiga Xeoparque Cabo Ortegal.
Este acto está aberto a todo o público ate completar aforo. Poderá seguirse tamén de forma online a través das redes sociais do Xeoparque.
Colaboración da Deputación da Coruña
O proxecto do Xeoparque Cabo Ortegal está impulsado polos concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, e conta tamén co apoio da Deputación da Coruña, entidade que financia as actividades conmemorativas deste primeiro aniversario.