Aberta a inscrición na I Milla Popular Interxeracional Concello de Fene

O domingo 26 de maio é a data escollida pola concellería de Deportes de Fene para a celebración da I Milla Popular Interxeracional Concello de Fene, proba que combina a tradicional milla escolar, na que podían participar nenos a partir dos tres anos, cunha milla para maiores, aberta a persoas de todas as idades, tanto de Fene coma doutros concellos.

As carreiras comezarán as 11.00 horas na avenida do Mar de San Valentín e paseo marítimo aínda que, no caso de choiva, as de categorías escolares (desde prebiberón 1, aula de 3 anos, ata cadete, aulas de 3º e 4º da ESO) traladaranse ao pavillón da Xunqueira, manténdose o resto de carreiras no circuito exterior (categorías sub 23, Senior e Máster).

As inscricións son de balde e poden formalizarse até as 13:00 horas do día 21 de maio: presencialmente, no Departamento de Cultura e Deportes, en Avda. Naturais, núm. 44, entrechán, Fene; por correo electrónico, enviando a ficha de inscrición que figura na páxina web do Concello www.fene.gal a cultura.deportes@fene.gal; e, no caso dos centros de ensino, enviando a relación de alumnado participante ao correo electrónico cultura.deportes@fene.gal ou entregando o listado presencialmente no Departamento de Cultura e Deportes. Tamén se recollerán inscricións individuais o mesmo día da carreira de 9:30 a 10:30 horas.

En canto á retirada de dorsais, o Concello de Fene establece as seguintes datas e horarios: para os centros de ensino, desde o día 23 de maio ás 10:00 horas no Departamento de Deportes do Concello de Fene; para os participantes individuais, o venres 24 de maio, no Salón de Plenos do Concello de Fene de 17:00 a 20:00 horas, o sábado 25 de maio na tenda de deportes Decathlon de Ferrol (sección atletismo) de 10:30 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:30 horas, ou o domingo 26 de maio, de 9:30 a 10:30, h. na zona de saída das carreiras.

Segundo informa a concellería de Deportes, as distancias a percorrer nesta I Milla Popular Interxeracional variarán segundo as idades e categorías dos participantes, oscilando entre os 50 e os 800 metros, nas carreiras escolares, e a milla (1600 metros) que correrán as persoas que se inscriban nas novas categorías, a partir de Sub-23.

A duración estimada total das carreiras será de dúas horas, comezando a proba polas categorías inferiores e rematando pola categoría máster, a de participantes con maior idade.

Como novidade, con respecto á Milla Escolar tradicional, todos os participantes en idade escolar recibirán medallas (non haberá trofeos para os primeiros clasificados). E nas carreiras con maior participación, formaranse grupos reducidos que sairán en diferentes quendas para evitar aglomeracións e posibles caídas.

En canto ás carreiras de maiores, tal e como se indica nas bases, entregaranse medallas aos tres primeiros clasificados de cada categoría, a partir de Sub23. Ademais, haberá trofeos para o campión e para a campioa absolutos da Milla.

Máis información na páxina web do Concello de fene: www.fene.gal ou no teléfono do Departamento de Cultura e Deportes: 981 34 03 66 ou 607 615 962.

Lea también

Abierta la presentación de ofertas en FIMO Ferrol, para la ciudad del deporte

Hasta el próximo 29 de julio se pueden presentar las ofertas para las mejoras en …