“Encrucillada” compartirá co público de Valdoviño os temas de “De Volta!”

Celebrarase este venres 17 a partir das 19:30 h, e inclúese na programación deseñada polo Concello para conmemorar o Día das Letras Galegas

A programación cultural do Concello de Valdoviño continuará este venres, Día das Letras Galegas, co concerto do grupo folc «Encrucillada».

A partir das 19:30 horas, no anfiteatro da casa da cultura, a formación compartirá co público os temas do seu último traballo discográfico «De volta!», co que regresan ás súas orixes poñendo o foco na música para o baile e nas foliadas, alternando a voz masculina coa feminina, e complementándose estas cos sons máis tradicionais. 

Unha actuación de luxo na que estarán acompañados polo grupo de baile da A.F. Álvaro Cunqueiro.

Un cuarteto tradicional que percorría Ferrolterra nas alboradas das festas, do que hoxe en día quedan Antonio López Lago e os irmáns Alberto e Óscar Maceiras de Fene, foi o xerme deste grupo de música folc tradicional ao que se sumaría Javier Rodríguez Castro co acordeón desde San Sadurniño.

Posteriormente, e tras distintos cambios na formación, Elena Díaz desde Neda entraría coa percusión e a voz no ano 2019, e no 2023 sumaríase a voz de Xoán Padín desde Ferrol. Cada quen, co seu estilo e experiencia particular, compleméntanse agora neste grupo onde diferentes sons (gaitas, acordeón, saxo, ocarina, zanfona, percusións tradicionais… etc.) e as voces de Elena e Xoán imprímenlles o seu estilo persoal a pezas de música galega populares e tradicionais.

Lea también

Exponav Ferrol acoge una exposición de dibujos a plumilla de Santos San Cristóbal Sebastián

La muestra del que fue fundador del Museo Catedralicio y Diocesano de Mondoñedo se titula …