San Sadurniño licita a xestión e mantemento da piscina municipal

A Plataforma de Contratación co Sector Público activou hai uns días o anuncio da licitación correspondente ao servizo de socorrismo e mantemento da piscina municipal de San Sadurniño.

 

Un contrato que ten un prezo de partida de 41.322,31 euros máis IVE, que as empresas poderán rebaixar nas súas ofertas, para un período de vixencia inicial de 2 anos, prorrogables por outros dous máis. A adxudicataria deberá ocuparse da vixilancia do correcto funcionamento das instalacións asociadas ao vaso, ademais de velar pola seguridade dos e das bañistas.

O prazo para presentar propostas técnicas e económicas finaliza o próximo 18 de maio, xa que a piscina deberá estar operativa para iniciar a temporada a mediados do mes de xuño.

Os cometidos descritos nos pregos serán o de ofrecer o servizo de socorrismo, salvamento e primeiros auxilios, ademais da posta a punto e mantemento permanente do sistema de depuración e tratamento da auga do vaso. Tamén entrarían, entre outros, a limpeza e mantemento de duchas, vestiarios e baños da piscina, o control do acceso e o rexistro e envío de datos á plataforma SILOE, que é o sistema de información do Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social.

O procedemento de selección atenderá a varios criterios. Un deles será o do prezo, outorgando ata 80 puntos pola redución da contía que deberá aboar o Concello polos servizos prestados, que han de estar comprendidos entre o 14 de xuño e o 8 de setembro, ambos incluídos, tendo en conta que a adxudicataria deberá facerse cargo das instalacións desde o momento mesmo da sinatura do contrato, de cara á súa posta en marcha.

Outros 20 puntos como máximo poderán obterse pola ampliación nos horarios de apertura e de peche, sen exceder os 30 minutos, que están establecidos nos pregos entre as 15:00 e as 21:00h de luns a venres e de 11:00 a 14:00h nos días en que se desenvolvan cursos. Os sábados e domingos o horario está fixado entre as 12:00h e as 21:00h.

Se houbese ofertas empatadas aplicarase como principal criterio de desempate a acreditación do número de persoas traballadoras fixas con discapacidade ou en situación de exclusión social. Se aínda así persistise o empate, daráselle prioridade á empresa que inclúa medidas de carácter social e laboral encamiñadas a favorecer a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

O prezo estipulado como base das ofertas  é de 41.322,31 euros máis IVE para unha vixencia inicial de dous anos, ampliables por outros dous máis por acordo das partes.

O anuncio coa licitación publicouse a principios deste mes de maio na Plataforma de Contratación co Sector Público, dándo até as 23:59h do día 18 de maio para que as empresas interesadas rexistren as súas propostas por vía electrónica.

Lea también

La biblioteca municipal de Neda vuelve a abrir sus puertas en horario de tarde

Con el otoño a punto de comenzar y el curso escolar ya en marcha, la …