Tres citas en San Sadurniño con motivo das Letras Galegas

Foto Luisa Villalta en una conferencia (con Yolanda Castaño a su izquierda) Fuente: Real Academia Gallega

Poeta, narradora, dramaturga, ensaísta, tradutora, violinista…, na figura de Luísa Villalta (1957-2004) couberon todas estas disciplinas, enfiadas pola musicalidade da súa escrita, o universo da cidade da Coruña, o feminismo e o seu compromiso co país, manifestado non só a través da creación, senón tamén do activismo social e cultural.

A ela dedícanselle neste 2024 as Letras Galegas, unha data para a que en San Sadurniño se organizaron tres actividades principais: un encontro coa tamén poeta Yolanda Castaño, previsto para a mañá do mércores 15 na Casa da Cultura, o espectáculo gratuíto «A maxia das nosas letras» co Mago Teto o xoves 16 ás 18:30h, e xa para a outra semana, o martes 21 pola mañá, o «Consertasso na horta» que lle ofrecerá Brais das Hortas á cativería do CPI e da EIM A Rolada.

Yolanda Castaño, Premio Nacional de Poesía 2023, malia ser doutra xeración, coincidiu con Villalta no movemento literario  dos 90 e principios deste século, do que xurdiría a Asociación de Escritores en Lingua Galega, e, ademais diso, é boa coñecedora da vida e obra da autora homenaxeada.

No encontro que terá lugar na Casa da Cultura o mércores 15 a partir das 11:00h repasarase a dimensión literaria e persoal de Luísa Villalta, leranse poemas e tamén se falará sobre a situación actual da lingua e da creación galega. O acto, no que participará o club de lectura de San Sadurniño, é aberto ao público e encádrase na programación da Biblioteca Municipal desenvolvida dentro do Ler Conta Moito da Consellería de Cultura.

Ao día seguinte, o xoves 16  ás 18:30h, Cultura programou «A maxia das nosas letras» co Mago Teto. O ilusionista ourensán afonda neste novo espectáculo na dinamización e promoción da lingua galega chegando agora á literatura contemporánea. Partindo da Longa Noite de Pedra achéganos ás escritoras e escritores máis recentes, con xogos abraiantes sobre a obra de autores como Manuel Rivas, Vidal Bolaño ou Luísa Villata.

Trátase dunha proposta  con entrada gratuita dirixida a público familiar que emprega a maxia e a literatura para amosar o galego como unha lingua atractiva, moderna, divertida «que debemos empregar en todos os ámbitos da nosa vida cotiá» ligada a obras e exemplos de éxito.

Trala paréntese festiva do 17 de Maio e da fin de semana chegará a última das citas promovidas pola área de Cultura por medio da Biblioteca Municipal. Así, o martes 21 ás 11:00h o salón de actos da Casa da Cultura acollerá o «Consertasso na horta» do polifacético Brais das Hortas.

Neste caso o programa diríxese exclusivamente ao alumnado máis pequeno do colexio público e tamén ao da Escola Infantil Municipal A Rolada, quen gozarán durante unha hora dun espectáculo musical con moito humor, frescura e interacción co público. «Grelos e temassos do máis variado dun ecosistema musical diverso e saudable» no que atoparemos unha pulga punk, cabras que tiran ao monte e caracois que reivindican o reggae entre «guitarrazos, charangazos e instrumentazos».

Lea también

El Museo de la Construcción Naval de Ferrol cierra temporalmente por labores de mantenimiento

Este sábado 1, festividad de Todos los Santos, abre al público en horario habitual, de …