As Pontes aposta pola creación de chan industrial nos terreos da central térmica

O pleno do Concello das Pontes debateu este mércores 8 o destino e os usos futuros das instalacións da central térmica e a súa posible declaración como Ben de Interese Cultural (BIC), como solicitaba o grupo municipal do BNG.

O pleno das Pontes rexeitou a proposta dos nacionalistas e propón por unha solución similar á empregada no complexo térmico de Meirama, en Cerceda, onde a Xunta aposta pola creación de solo industrial nos terreos que ocupaba a térmica.

“As Pontes conta con 600.000 metros cadrados de solo industrial nos terreos que ocupa a central térmica que, unha vez demolida, permitiría a creación dun novo polígono no que se instalen industrias que poden xerar actividade económica e centos de empregos no municipio”, explicou o alcalde, Valentín González Formoso.

O Goberno de Formoso defendeu que a declaración de BIC da central suporía importantes eivas para o municipio como a perda de solo industrial, uns gastos de conservación superiores a 1,4 millóns de euros anuais que nin Xunta de Galicia, nin Concello das Pontes nin Endesa están dispostos a financiar así como a perda dos numerosos empregos que para as empresas auxiliares supoñen as tarefas de demolición da central.

Ademais, desde o goberno municipal apuntan que experiencias similares, como a levada a cabo en Ponferrada, xeran só 19 empregos e 58.000 euros de ingresos por visitas. “Unha solución moito peor que destinar eses terreos a proxectos industriais ou enerxéticos, ben da man da propia Endesa ou de terceiras compañías interesadas en implantarse nas Pontes”, explicou o alcalde.

Formoso censurou que “é unha pena que esta ansias repentinas de protección do patrimonio non as tivera o BNG nos anos nos que gobernou, cando permitiu a demolición da vella central térmica, de dimensións similares á de Ponferrada e nas que tería sentido un museo, ou cando permitiu a demolición de todos os edificios da empresa nacional Calvo Sotelo, incluídas as oficinas da delegación de Endesa, ”, afirmou.

Manter o patrimonio mineiro

Neste sentido, o goberno de Formoso defendeu no pleno as numerosas accións de recuperación e posta en valor da historia e do patrimonio material de medio século do Concello das Pontes como referencia da produción eléctrica como a creación do Centro de Interpretación A Mina.

O concello conserva ademais pezas de maquinaria singulares como a única escavadora de rodete da península ibérica, ou máquinas cortacabezas e portarrollos que pretende restaurar e conservar para as futuras xeracións.

A conservación da escola de aprendices, do edificio da transformadores da Calvo Sotelo ou a protección urbanística do poboado de As Veigas polo seu alto valor patrimonial e histórico son outras das accións do goberno municipal para conservar o legado da historia do municipio.

Lea también

O Novembro, mes do humor continúa co espectáculo Eran elas de Avelino González

O Museo do Humor Xaquín Marín de Fene acolle este venres 22 de novembro, a …