A Deputación da Coruña celebra o Día de Europa

EUROPE DIRECT A Coruña celebra o Día de Europa con varias actividades programadas para o 9 de maio para difundir o coñecemento da Unión Europea entre a cidadanía da provincia. Para acompañar esta celebración, o Pazo Provincial da Deputación da Coruña iluminarase de azul dende a media noite do 9 de maio.

O centro de información oficial da Comisión Europea pertencente á Deputación da Coruña convida a descubrir os valores e as oportunidades de Europa co espectáculo ‘A Maxia de Europa’, unha actividade que levará durante o mes de maio os valores, símbolos e oportunidades da Unión Europea a seis concellos da provincia adheridos á rede Europa no teu Concello.

O espectáculo itinerante ‘A Maxia de Europa’ percorrerá Rianxo, Carral, Vedra, A Laracha, Pontedeume e Narón entre o 7 e o 15 de maio.

O contacontos ‘Coñece Europa con Kalopsia’ é outra das actividades que chegará á rede Europa no teu Concello durante a semana de Europa. Esta sesión de narración oral explica ao público infantil dunha maneira sinxela e entretida o funcionamento e valores da UE. Na semana de Europa visitará os Concellos de Padrón, Dumbría e Lousame.

Tamén continúa a súa itinerancia pola provincia ‘Experiencia Europa’, unha mostra interactiva que ten como obxectivo facer partícipe a toda a cidadanía da relevancia da transición dixital en Europa. Os visitantes aprenderán, utilizando modernos dispositivos multimedia, como funciona a Unión Europea e como inflúe na súa vida diaria.

A exposición pódese visitar na Casa da Cultura do Concello Porto do Son ata o 13 de maio e, a partir desa data, na Casa da Cultura do Concello de Negreira.

Entrega de premios Cidadanía Europea en Galicia e Embaixadorxs Destino Europa

Na mañá do 9 de maio, o Pazo Provincial acollerá as entregas de premios dos dous concursos que EUROPE DIRECT A Coruña organizou cara o Día de Europa. Os premios da undécima edición do concurso de fotografía Cidadanía Europea en Galicia, que este ano tiña por lema ‘Europa cerca de ti’, entregaranse ás 9 horas.

Nesta edición acadou o primeiro premio Andoni Urresti coa súa fotografía “Cúpula de Estrellas: Un susurro de unidad”, unha imaxe tomada na antiga cisterna do castelo de Liubliana e pola que recibirá unha cámara de fotos. En segundo lugar, quedou a fotografía “Arte e movemento”, de Malena Casal, que simboliza a liberdade de circulación das persoas en Europa. Recibirá un tablet como premio.

No segundo acto do día, que comezará ás 13.00 horas, EUROPE DIRECT A Coruña fará entrega dos bonos de interrail que gañaron os e as participantes na campaña Embaixadorxs Destino Europa, unha iniciativa do centro para difundir as oportunidades europeas para a mocidade en redes sociais.

Os membros do ClubUE (Alberto López, Tania Aguiar, Laura López, Lara de la Iglesia, Sara Figueroa, Marcos Hernández, Teresa Maroño e Natalia Fraga) compartiron 160 publicacións e historias durante tres semanas dende as súas contas de Instagram para difundir os programas e iniciativas da Unión Europea para a mocidade. Os participantes que cumpriron cos requisitos do concurso recibirán o Día de Europa un Interrail Global Pass que permite viaxar en tren por Europa.

EUROPE DIRECT A Coruña é un centro de información oficial da Comisión Europea que pertence á Deputación da Coruña. A misión do centro, que iniciou a súa traxectoria no ano 1996, é traballar coa cidadanía, os medios de comunicación e as entidades locais cos obxectivos de implicar á poboación en temas europeos, así como proporcionar contidos sobre as políticas e as prioridades da UE.

Tamén axudar á Comisión Europea a adquirir unha visión xeral das sensibilidades locais relacionadas coas súas políticas e promover a cidadanía europea activa nas escolas.

Para información complementaria, pódese contactar a través do correo electrónico europedirect@dacoruna.gal, ou ben, no número de teléfono 981 080 331.

 

Lea también

El Gobierno afirma que las futuras instalaciones de SAIC «son perfectamente compatibles» con desarrollo de eólica marina

El Gobierno asegura que las futuras instalaciones en Galicia del gigante chino SAIC «son perfectamente …