Arrinca a programación cultural do mes de maio en Valdoviño coa conmemoración do Día das Letras Galegas, adicado este ano a Luísa Villalta, ben presente, aúnando palabra e música. Así, o Concello de Valdoviño convída este venres 10 ás 20:30 h ao espectáculo «Tres mulleres na escuridade», de Soledad Felloza.
Un espectáculo no que a escuridade se enche de palabras e melodías, e a voz da actriz, fotógrafa, escritora, narradora e dramaturga Sole Felloza se une ás melodías da violinista Irina Gruia.
A obra inclúese no ciclo municipal de teatro «Ven o Venres», está dirixida a un público maior de 12 anos, e como é habitual, a entrada ao auditorio da Casa da Cultura é de balde ata completar aforo.
«Tres mulleres na escuridade» é o encontro dunha poeta, escritora, dramaturga, ensaísta, feminista comprometida coa cultura e a vida; dunha violinista que reserva con gusto refinado melodías de autores internacionais e galegos, e dunha actriz e contadora de historias que dende a máis profunda admiración e emoción dá voz aos textos escollidos. Sobre o escenario, tres mulleres pensan, senten, crean e recrean, interactúan e enlazan as súas vidas.
En definitiva, unha viaxe ao universo lúcido e comprometido dunha creadora singular, no que cada verso, texto ou melodía é un paso, un xogo que deixa atrás as sombras. Unha viaxe que poderemos desfrutar en Valdoviño grazas ao apoio da Rede Cultural da Deputación da Coruña.