Concello de San Sadurniño e Casa do Mel organizan un curso de iniciación á apicultura

A área de Desenvolvemento local de San Sadurniño e a Asociación Casa do Mel quen xestiona o colmear didáctico da Cortiña, ofrecen unha nova oportunidade de iniciarse no mundo apícola ou ampliar coñecementos sobre esta actividade. 

Será a través dun curso que se impartirá os días 18, 19, 25 e 26 de maio, cun temario teórico e práctico que abordará desde o coidado e mantemento das colonias de abella até a colleita do mel e doutros produtos da colmea.

Para participar neste curso farán falla un mínimo de 10 inscricións e como tope fixouse a cifra de 25 participantes. Para anotarse hai que enviar un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal indicando no corpo do asunto “Inscrición curso de apicultura” e achegando os datos persoais e de contacto, ou chamar ao 616 332 919 en horario de mañá de luns a venres. 

O curso está orientado a persoas que queiran empezar a pastorear abellas ou ás que xa teñan certa experiencia e queiran seguir aprendendo. Neste sentido, os contidos irán desde unha introdución xenérica sobre a bioloxía dos enxames, a figura da persoa apicultora e o funcionamento das colmeas, ata cuestións máis técnicas que se irán abordando paso a paso, combinando a teoría e a práctica no espazo didáctico da Cortiña.

Algúns dos temas tratados serán a instalación do apiario, a flora máis axeitada para a produción de mel, as diferenzas de cor e sabor segundo o tipo de alimentación, e as prácticas de reprodución dos enxames. Tamén se facilitará información sobre a saúde das abellas e, principalmente, sobre como protexelas da avespa asiática e de fungos e parasitos que poden decimar a súa poboación.

O curso é totalmente gratuíto para a veciñanza empadroada en San Sadurniño e para as persoas asociadas á Casa do Mel, mentres que o resto de participantes deberán pagar o primeiro día unha matrícula de 45€.

As sesións están  programadas para as dúas últimas fins de semana de maio en horario de 9:00 a 14:00h. As tres primeiras clases os días 18, 19 e 25 de maio desenvolveranse repartindo a teoría  e a práctica entre a a Casa da Xuventude e o colmear da Cortiña. 

O último día, o domingo 26, a formación trasladarase ás instalacións da Casa do Mel, en Goente, onde se poderán ver os produtos principais e subprodutos que se extraen da colmea, como por exemplo o mel, o pole, a própole, a xelea ou a cera. O persoal deste centro dedicado integramente á difusión da cultura apícola explicará, ademais, os procesos de colleita, de envasado e de comercialización de cada produto.

O curso de iniciación á apicultura encádrase no acordo que subscriben todos os anos o Concello e a Casa do Mel, coa finalidade de mellorar a capacitación de todas aquelas persoas interesadas no mundo das abellas e continuar promovendo a cultura apícola, que ademais de ser fundamental para o ambiente tamén ofrece interesantes oportunidades económicas e de emprego.

Lea también

Rueda subraya la inversión en infraestructuras del agua en Ares para impulsar el turismo de calidad

El presidente de la Xunta destaca la necesidad de servicios «a la altura» del entorno …