A primeira cita con Entreterras será o 24 de maio no Teatro Afundación de Vigo, mentres que o 2 de xuño o directo terá lugar no Pazo da Cultura de Narón.
Un meridiano invisible tece un fío sonoro que a través das músicas de raíz, une xeograficamente a Galicia, Portugal e Canarias. Así nace Entreterras, o novo proxecto de SonDeSeu, no que a Orquestra Folk de Galicia se acompañará de artistas comprometidos coa innovación e o respecto ás músicas tradicionais dos seus territorios.
A galega SÉS, o portugués Daniel Pereira e o canario Hirari Afonso compartirán escenario co medio cento de intérpretes de SonDeSeu nesta nova proposta musical, que conta co apoio da Xunta de Galicia, e que o público poderá descubrir tanto o 24 de maio no Teatro Afundación de Vigo coma o 2 de xuño no Pazo da Cultura de Narón.
As entradas para gozar das melodías e ritmos destas Entreterras en Vigo están á venda desde hoxe, 24 de abril, na plataforma ataquilla.com, mentres que os billetes para Narón estarán dispoñibles proximamente en padroadodecultura.es.
O espectáculo, que dá continuidade a Arraianos (2018) na aposta pola visualización e reivindicación das músicas ibéricas, preséntase cun rechamante cartel, coroado pola imaxe dun volcán en erupción, un fenómeno que transforma o territorio ao seu paso. Este volcán representa, segundo Anxo Pintos, presidente da Fundación SonDeSeu, “a creación e destrución da paisaxe, ao igual que as músicas de SÉS, Hirahi Afonso e Daniel Pereira transforman, dun xeito vibrante e ateigado de luz, o repertorio da nosa orquestra”.
Nesta ocasión, SonDeSeu propón ao público unha viaxe sonora a través de dous concertos semiacústicos, con arranxos e adaptacións que nacen das creacións de artistas de referencia nos seus territorios. “Escollimos figuras que destacan polo seu compromiso coa cultura de cadanseu lugar e mais pola súa innovación e o seu respecto á tradición tanto á hora de compoñer e producir como de interpretar”, sinala o presidente de SonDeSeu.
Así, desde a voz da cantareira e pandeireteira María Xosé Silvar, SÉS, creadora de himnos que transitan entre a tradición oral e o rock and roll, Entreterras percorre a música da creadora coruñesa para dar paso á discografía doutro grande activista cultural, neste caso do norte de Portugal, como é o cantante e tocador de corda pulsada Daniel Pereira Cristo.
Coñecido pola súa destreza co cavaquinho, a súa arte entronca con outro instrumento irmán, dunha costa que –ao igual ca Cabo Verde, Azores ou Madeira– tamén baña o Atlántico: o timple, que nesta ocasión toca o canario Hirahi Afonso quen, con dous discos ás costas, “representa a esa nova xeración de intérpretes excepcionais, cunha narrativa creativa a cabalo entre a tradición e a contemporaneidade”, apunta Pintos.
A posta en relación das músicas e relatos de SÉS, Pereira e Afonso neste Entreterras non é casual. “Seguimos a tecer unha historia que tamén se pode narrar a través das cordas deses instrumentos que viaxaron polo Atlántico levando as tradicións peninsulares e insulares polo mundo adiante”, expón Pinto.
Precisamente o director de SonDeSeu salienta o verso Lo puro es la mezcla. La mezcla es lo puro, do último traballo discográfico de Hirahi Afonso, para poñer en valor a confluencia que se dá neste proxecto. Ao cabo, tal e como expón Pintos, “Entreterras é unha mostra máis da mestura e da evolución que están a vivir as músicas de raíz. Tamén a galega”.