A concelleira de Comercio, Lucía Blanco, achegouse á Casa da Xuventude para inaugurar os módulos formativos destinados a pequenas empresas da localidade inscritos dentro de Rural TIC Ares, o programa de obradoiros totalmente de balde que promove o Concello xunto co Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana centrados na divulgación tecnolóxica e o fomento da dixitalización nas vilas.
Na xornada que daba inicio ao primeiro obradoiro, os representantes dos negocios locais achegáronse a nocións básicas de posicionamento na rede, especificamente en Google My Business, a ferramenta que permite construír un perfil de empresa e xestionar a información dispoñible: as fotografías do local, as reseñas, os horarios…
A maiores, debullaron os elementos fundamentais para ter unha páxina web, dende o hosting, o servizo de aloxamento web, até o Content Manager System (CMS), o sistema para a organizar, crear e publicar contidos na Internet.
A seguinte sesión centrouse nun módulo para arrancar a crear un sitio web básico con WordPress e Google Sites, configurándose coma a última xornada antes da clausura de hoxe venres, 26 de abril, de todo Rural TIC.