Aberta a inscrición en San Sadurniño para participar na IX Carreira Popular

San Sadurniño volverá correr polo medio ambiente o domingo 9 de xuño, dentro da novena edición dunha das carreiras populares con máis aceptación de todas cantas se celebran na zona.

A proba ten as inscricións abertas desde hai escasos días a través da plataforma emesports.esofrecendo circuítos gratuítos de entre 60 e 900 metros nas categorías inferiores e un trazado de 4,9 quilómetros na absoluta (5€), que repite o espectacular percorrido estreado o ano pasado.

Por razóns organizativas, o límite de deportistas volve estar limitado a un máximo de 500.

A carreira estará controlada polo Comité Galego de Xuíces da FGA e as saídas e chegadas concentraranse de novo no arboreto galego da Cortiña, ao pé do paseo fluvial do Xubia, lugar de referencia para todos os eventos multitudinarios que organiza o Concello de San Sadurniño. 

As categorías inferiores masculina e feminina SUB14, SUB 12 e SUB 10 correrán de balde aínda que deberán inscribirse igualmente, por un mesmo circuíto situado xusto no centro do arboreto da Cortiña, coa única diferenza do número de voltas que deberán dar: tres, dúas e unha, respectivamente. No apartado de Peques, nenos nados de 2017 en diante, habilitarase unha recta de 60 metros no sendeiro principal, facendo varias saídas en grupos de idades similares para evitar caídas.

Na carreira grande -cuxa inscrición son 5€- farase unha grande roda que pasará pola Bidueda, cruzará Cornide e seguirá pola beira da estrada de Ortigueira ata chegar á Casa do Concello, onde os e as deportistas encararán a recta final pasando polos xardíns municipais e o Mesón A Granxa antes de rematar de novo na Cortiña.

Na carreira absoluta participarán desde deportistas que nacesen entre 2009-2010 ata os que pasen dos 55 anos, dentro das categorías SUB 16, SUB 18, Senior, Máster 35, Máster 45 e Máster 55, tanto en masculino como en feminino.

A saída daráselles sobre as 11:30h calculando un tempo máximo de 50 minutos. Antes, ás 11:00h, desenvolverase a proba SUB 14 e unha vez finalice a absoluta, a iso das 12:30h, irán encadeándose as carreiras SUB 12, SUB 10 e Peques a razón de unha cada cuarto de hora, co obxectivo de comezar coa entrega de premios sobre as 13:30h.

A popular de San Sadurniño “Corre polo Medio Ambiente” forma parte do calendario de carreiras da Deputación da Coruña e contará coa asistencia técnica da Federación Galega de Atletismo, ademais da colaboración da clínica local Fisio-Che-Ben e do club MTB Biela e Chaveta.

Toda a información pode atoparse na web emesports.es, sitio a través do cal se deberán facer as inscricións. O último día é o 3 de xuño (ás 23:30h) e non haberá posibilidade de anotarse o propio día da carreira.

Lea también

Un taxista logra salvarse, a nado, tras precipitarse su coche al mar en As Pías, Fene

Sobre las doce y veinticinco de este jueves, día 21, saltaron todas las alarmas al …