110 cans de raza caniche están apuntados para participar na “II Canichada de Galicia”, que acolle o Concello de Fene o sábado 27 de abril.O encontro celebrarase no Pavillón A Xunqueira, en San Valentín, onde están programadas actividades durante toda a xornada.
O evento iniciarase ás 11.00h coa recepción dos caniches participantes, e ás 11.30h haberá unha charla de perruquería canina, a cargo de Thiago Noel Ferreira. Contra as 12.00h terá lugar o desfile do Entroido, e ás 16.00h unha xornada de educación canina, aberta ao público e na que serán benvidos tamén cans de outras razas.
O evento rematará ás 18.00h con grandes sorteos dos patrocinadores. Ademais, todo o recadado coas fotografías do evento será doado á Asociación Cometa.
“A Canichada é unha gran oportunidade para descubrir esta raza tan peculiar, xa que teremos unha representación de caniches de todos os tamaños (xigante, mediano, toy…), procedencias e con diferentes cortes” apuntou Thiago Noel Ferreira, un dos organizadores do evento.
Destaca Ferreira o incremento de participantes desde a primeira edición celebrada en Vigo, na que se xuntaron 90 caniches, así como a diversidade das procedencias: “temos xente apuntada que vén de Madrid, Barcelona, Bilbao, Cantabria, Asturias, … e por suposto Galicia”.
Pola súa banda, a concelleira de medio ambiente, María del Carmen Martínez, animou á veciñanza a participar “nunha actividade pensada para desfrutar en familia”, e destacou “a combinación do carácter máis lúdico coa concienciación en materia de benestar animal”
Durante toda a xornada, as persoas que se acheguen á II Canichada poderán mercar produtos relacionados co coidado e benestar animal nunha feira na que está prevista a participación de 18 expositores.