A Deputación licita por 224.664€ as obras do firme da DP 4803 en Centroña, Pontedeume

A Deputación da Coruña vén de publicar a licitación das obras de renovación do firme da estrada provincial DP 4803 que vai de Miño a Pontedeume por Perbes, por valor de 224.644 euros.

A actuación, que se realizará entre os PQ 7+200 e o PQ 10+350, consiste no fresado en firme con reposición de mestura asfáltica en quente dunha superficie de 500 metros cadrados e a pavimentación do tramo da estrada con mestura asfáltica en quente do firme actual de 5 centímetros de espesor en todo o ancho do vial, cunha superficie resultante de 20.790 metros cadrados.

Ademais, realizarase a colocación dunha nova sinalización horizontal con pintura vial branca reflectante en liñas e colocarase unha barreira metálica de seguridade cunha lonxitude de 632 metros cadrados, máis os seus correspondentes terminais.

O prazo de execución das obras é de tres meses, contados a partir do inicio das mesmas e a presentación de ofertas está aberta ata o 20 de maio de 2024 ás 23:59 horas.

Complemento á senda peonil de Centroña

“Esta actuación complementa as obras da senda peonil de Centroña, rematada no último trimestre do ano 2023, que ten 3,1 quilómetros de lonxitude e supuxo un investimento de 1,1 millóns de euros para a mellora da seguridade e a accesibilidade peonil na zona”, explicou o portavoz do goberno provincial e alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, que lembrou que  creación desta senda respondeu a unha antiga demanda veciñal,  nunha zona moi transitada, tanto por tráfico rodado como por peóns.

Desta forma, a Deputación continúa mellorando este vial pertencente á Rede Provincial de Estradas moi importante e que conecta os concellos de Miño e Pontedeume.

Lea también

Neda restablece el suministro de agua en todo el municipio, pero no descarta nuevas interrupciones si persiste la sequía

Los trabajos realizados por Veolia para aumentar la entrada de agua procedente del embalse de …