O concurso ‘Quero Cantar’ elixe gañadores na Gala do Teatro Colón

Santiago de Compostela, Teo, A Laracha, Redondela ou Cangas do Morrazo son localidades de orixe dos integrantes dos grupos que enviaron as propostas seleccionadas polo xurado do concurso de música infantil e xuvenil ‘Quero Cantar’. Un certame consolidado xa na súa sétima edición: cada ano ponllo máis difícil ao xurado que destaca a elevada calidade das pezas recibidas e o complexo da peneira. 

E só seis podían estar na gala final que se celebrará no Teatro Colón da Coruña este sábado 20 de abril. Subirán ao escenario en primeiro lugar @s Tareixas, Hush e Sementarei, os seleccionados na categoría infantil (ata 12 anos e con posibilidade da presenza dunha persoa adulta), e posteriormente actuarán os finalistas na categoría xuvenil  (de 13 a 16 anos): a solista Daniela Montes, e os grupos Interestelares e esTilos.

Na gala actuará tamén Onda Dagda, grupo amesán con pegada de edicións anteriores do #QueroCantar entre os seus integrantes, que demostra que a faísca do concurso alumea proxectos e fai canteira na música do país.

 A complicada peneira previa correspondeulle nesta edición 2024 a un xurado composto por persoas vinculadas profesionalmente ao mundo da música integrado por Ángeles Dorrio, Silvia Penide, Sofía Espiñeira, Brais das Hortas e Mondra.

O xurado estivo presidido pola deputada de Cultura, Natividad González Rodríguez, actuando como secretaria a xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes, Mercedes Fernández- Albalat. Tamén estivo presente, sen voz e sen voto, o comisario do concurso, Tono Formoso.  Na gala final, o xurado estará integrado por nenos e por mozos con formación musical e do mesmo abano de idade que as bandas e solistas seleccionadas para a final.

A gala estará presentada pola actriz e contadora Soledad Felloza. A asistencia á gala final será de balde, previa retirada de convite na web do Teatro Colón (a través da plataforma www.ataquilla.com

Finalistas na categoría infantil:

@s Tareixas é un grupo de Redondela, integrado por un pai e os dous fillos, nena e neno, cunha canción sobre a súa avoa, titulada “A cadeira da avoa”.

HUSH é un grupo de seis nenos que estudan na escola ‘Entre Caixas’, de Calo, Teo. O seu é o rock clásico e a canción coa que se presentan ao concurso chámase “Estaría ben”.

Sementarei é un grupo de seis nenos estudantes das Escolas de ensino Semente, de Santiago de Compostela. Chegan á sétima edición do concurso coa canción titulada “Umha valsa para Gaza”, que quere ser un alegato contra o xenocidio en Gaza.

Finalistas na categoría xuvenil

Daniela Montes é unha solista da Laracha que se acompañará na súa actuación co piano. Presentaranos unha canción de desamor titulada “Non todo era malo”.

Interestelares é un grupo de catro nenas e nenos de Cangas do Morrazo que chega ao concurso coa canción que titularon “Lume”. A peza está inspirada nun suceso real: o incendio que ameazou gravemente a casa da compositora do grupo.

esTilos é un grupo formado exclusivamente por guitarristas, rapaces, alumnos de guitarra nas clases de Miguel Alonso no seo da asociación cultural e recreativa Os Tilos, de Teo. Presentáronse coa canción “Ollos mentireiros”, unha peza contra os estereotipos de beleza

Lea también

A Taberna Bon Pé gaña o certame “Tapas de Outono” de Cedeira

O certame, no que tamén foron premiados O Mesón e O Amanexo, levou numeroso público …