Tecnoloxía e divulgación en Ares durante as próximas dúas semanas

A concelleira de Tecnoloxías da Información e Comunicación (TICs), Olimpia Marcos, inaugurou os obradoiros inscritos no programa Rural TIC Ares, unha ampla oferta de cursos que desenvolve o Concello de Ares da man do Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana.

Trátanse de formacións destinadas tanto a veciñanza coma tecido comercial que desexan axudar a romper a brecha tecnolóxica existente na sociedade, divulgando boas pautas de manexo na rede e ferramentas moi útiles no día a día.

Así, durante as tardes do martes, mércores e xoves, de 17:30 a 19:00 h, a Casa da Xuventude acolle obradoiros impartidos por docentes voluntarias de INECO para toda aquela persoa interesada en gañar autonomía dentro da Internet ou aprender cuestións pragmáticas como a expedición do certificado dixital, para que serve a carpeta cidadán ou mesmo como programar unha viaxe de ocio e tempo libre, alugando a estancia, mercando os voos…

As formacións son de balde e aínda é posible que a veciñanza se sume a elas.

O programa tamén involucra á comunidade educativa do CPI As Mirandas, ao organizarse dous obradoiros específicos co estudantado de 1o e 2o da ESO centrado na seguridade en Internet e a importancia de supervisar a información que se comparte a través de redes sociais e que logo fica dispoñible no eido dixital.

A PRÓXIMA SEMANA, PROGRAMACIÓN PARA O TECIDO COMERCIAL

A oferta de Rural TIC Ares continuará até o venres 26 de abril, mais adaptando os seus contidos ás necesidades xerais dunha pequena ou mediana empresa que precise dixitalizarse e non saiba por onde comezar.

O martes 23 de abril, e o mércores 24, de 19:30 a 21:00 h., o equipo docente de Rural TIC divulgará como construír un sitio web ou tenda propio, amais de como mellorar a presenza dixital da empresa e que aplicacións ten ao alcance para organizarse de forma máis eficiente no día a día.

E, xa na xornada do xoves 25 de abril, adicaranse á resolución de preguntas e atención personalizada aos emprendedores que o desexen, na mesma franxa horaria.

VENTÁS DE INFORMACIÓN: OPORTUNIDADES PARA RESOLVER DÚBIDAS

Paralelamente ós cursos de tarde, realizaranse múltiples ventás de información na mesma Casa da Xuventude: espazos que serven para interactuar individualmente coas docentes de Rural TIC e resolver calqueira dúbida que poida xurdir en materia de tecnoloxía dixital ou vencellados cos contidos dos obradoiros impartidos.

Desta forma, durante as mañás do xoves 18; martes 23; mércores 24 e xoves 25 de abril, calqueira persoa que o desexe poderá acudir entre as 10:00 ás 11:00 h. para formular as dúbidas. O venres 26, ampliarase o horario destas ventás de información de 9:00 a 14:00 h., e pecharase a programación de Rural TIC Ares.

Lea también

As Somozas, galardoada con tres Flores de Honra no certame ‘Vilas en Flor Galicia’

O Concello das Somozas conseguiu, por segundo ano consecutivo, tres ‘Flores de Honra’ na súa …