Deputación e Concello valoraron posibles vías de colaboración dende a área de Patrimonio, para levar a cabo posibles actuacións entorno ao Castro Sarridal.
O alcalde e o tenente de alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil e José Antonio Rodríguez Arribe, recibiron a visita do deputado de Patrimonio, Xosé L. Penas, e da deputada provincial Cristina García Rey.
O encontro serviu para intercambiar impresións sobre actuacións que o Concello quere acometer tanto no Castro Sarridal como no casco antigo da vila e avanzar sobre qué liñas de financiación poden facilitar, desde a área de Patrimonio da Deputación Provincial da Coruña, a súa realización.
Así, os responsables municipais acompañaron ao deputado e á deputada provincial nun percorrido polo xacemento do Castro Sarridal, onde lles explicaron os resultados das sucesivas campañas de escavación executadas e tamén o plan arqueolóxico do Concello para seguir avanzando na descuberta de novos achados pola zona adxacente, pola que vai o camiño.
O percorrido abrangueu tamén, na mesma península de Sarridal, as cetarias que se recuperaron recentemente, o miradoiro que está sobre elas e o castelo da Concepción, elementos que conforman un singular conxunto patrimonial.
“O noso patrimonio, coma este Castro de Sarridal forman, é a base da nosa memoria colectiva, esencial para comprender a nosa historia e saber máis sobre unha época tan relavante como foi a Idade de Ferro, neste caso” apuntou Xosé L. Penas.
Ademais, Deputación e Concello valoraron posibles vías de colaboración dende a área de Patrimonio, para levar a cabo posibles actuacións entorno ao Castro Sarridal. “Os traballos de investigación e coidado son fundamentais para a posta en valor non so deste xacemento, senon da nosa identidade, polo que dende a Deputación valoraremos diferentes actuacións neste sentido”.
Tamén estiveron no casco vello de Cedeira, onde entre outras cousas viron a praza da Reitoral.
Tal como explicou Moreda Gil, a baranda metálica que delimita a zona na que está o palco da música está bastante deteriorada e a vontade do goberno local é abordar o seu arranxo. Durante o encontro, os responsables falaron das liñas de axuda que poden servir tanto para financiar esta última actuación como próximos traballos no Campo Sarridal.