A Aula CeMIT de San Sadurniño programa novos cursos

A Rede CeMIT de San Sadurniño oferta dúas accións formativas arredor do uso básico do móbil e das xestións que se poden facer a través da Carpeta Cidadá do Goberno de España. Ambas actividades gratuitas.

Os cursos desenvolveranse de abril a xuño e encádranse na programación anual da aula de alfabetización dixital situada no primeiro andar da Casa da Cultura, onde ademais de aprender tamén se poden solventar dúbidas técnicas ao respecto da navegación por Internet, redes sociais e outras cuestións.

Os cursos itinerantes sobre o uso do teléfono móbil tratarán aspectos moi básicos, como son os axustes iniciais, a configuración da seguridade, como conectarse á rede, cos datos contratados ou por wifi, o manexo da cámara ou a instalación e utilización de aplicacións de mensaxería e redes sociais.

Trátase dunha aprendizaxe introdutoria que está orientada principalmente a persoas que non teñen coñecementos previos ou que queren manexar con máis confianza o seu móbil, sobre todo no referido a seguridade, ademais de contar cunha base sólida para empezar a sacarlle partido como a potente ferramenta de comunicación que é na actualidade.

As sesións desenvolveranse de 10:00 a 13:30h nos locais sociais de Santa Mariña, Naraío e Igrexafeita nas seguintes datas: 

Santa Mariña, os martes 23 e 30 de abril e 7 e 14 de maio. 

Naraío, os martes 21 e 28 de maio e 4 e 11 de xuño.

Igrexafeita, os mércores 5, 12, 19 e 26 de xuño.

Por outra banda, a Aula CeMIT tamén ofrecerá un curso de iniciación á Carpeta Cidadá do Goberno do Estado, a través da que é posible facer unha chea de xestións. Neste caso será necesario contar cuns coñecementos mínimos de informática (tampouco moitos, abonda cos básicos) e, iso si, dispor de DNI electrónico, certificado dixital ou Cl@ve para podermos acceder ao servizo en liña.

No curso veranse os distintos apartados da plataforma en liña do Estado, prestacións, consulta de puntos do carné, notificacións, vivenda, etc., pero tamén se aprenderá como empregala como pasarela para facer todo tipo de trámites sen movernos da casa coa mesma validez que se os fixesemos presencialmente.

A formación terá lugar na propia Aula CeMIT, situada na Casa da Cultura, os mércores 24 de abril, 8, 15 e 22 de maio. O curso distribuirasen dous grupos, un de 9:30 a 11:00h e outro de 11:30 a 13:00h.

Fai falla anotarse no 616 016 793 ou no correo cemit.sansadurnino@xunta.gal, vías de contacto a través das cales tamén podemos informarnos sobre futuras actividades ou pedir vez para que nos boten unha man con todo o que teña que ver coa navegación pola rede e o uso de aplicativos.

 

Lea también

Ares comeza co Nadal iluminando os mellores desexos da veciñanza

A concellaría de Cultura presentou un ano máis o simbólico acto que dá inicio ao …