San Sadurniño acolle a XXVII edición da Feira da Plantación

O espazo da Cortiña e do paseo fluvial do Xubia volverá acoller durante o domingo 28 deste mes de abril unha nova edición da Feira da Plantación.

Unha cita que estrea a primavera e o tempo de botarse fóra e que, ademais, ten como obxectivo poñer en valor o potencial produtivo da nosa terra, na que medran árbores, flores, froita, horta e practicamente todo o que se semente. Durante a xornada atoparemos á venda planta ornamental, todo tipo de pés para morteiros, maquinaria, produto alimentario e artesanía relacionada co mundo floral. Pero tamén múltiples actividades entre música, obradoiros infantís, demostracións e degustacións.

O Concello de San Sadurniño agarda que nesta XXVII edición da Feira da Plantación se supere o número de expositores e de visitantes do ano pasado, cando o evento marcou un récord en canto a participación e vendas. Unha das claves deste éxito foi a redistribución dos postos ao longo do sendeiro principal da Cortiña, colocando na parte final a carpa do Concello que acolle os sorteos e o punto de entrega gratuíta das plantas de cortesía doadas pola empresa Vivergal, colaboradora habitual da feira.

Nese percorrido poderemos atopar todo o necesario para os nosos xardíns e cultivos: plantas, flores, sementes, apeiros e maquinaria de labranza, etc., que se alternan cun animado mercado agroalimentario e artesán cheo de produto de proximidade e da máxima calidade.

Aínda que os postos están xa ao tanto da data e do prazo de inscrición lembramos que o último día para reservar espazo é o luns 22 de abril. Dous días despois publicarase a lista de admitidos, que deberán aboar entre 5 e 45€ de taxa -segundo os metros que ocupen, ademais de ter a opción (voluntaria) de que o Concello se ocupe de cubrirlles o expositor cun toldo.

A feira abrirá ás 10:00h e prolongarase de maneira ininterrompida até as 20:00h. Durante ese tempo, en distintos horarios, desenvolveranse obradoiros ambientais para a rapazada, demostracións de arte floral e de cociña sostible, degustacións de produtos elaborados na Fusquenlla, unha sesión de pintura ao vivo con Leandro Lamas (o cadro que faga sortearase ás 19:45h), varias charlas sobre xeoloxía, con exposición de rochas do xeoparque, ofrecidas por Fran Canosa e a actuación musical do Trío de Tres.

Tamén haberá os tradicionais rifas presenciais entre as papeletas que se entregarán con cada compra e, só por vir á feira, levaremos de balde a bolsiña de de plantas de Vivergal. O recinto contará, por último, cun posto para xantar, aínda que tamén é boa opción reservar en calquera das casas de comidas que hai en San Sadurniño.

Lea también

Sofocado un incendio en el Monasterio de Montefaro, en Ares, por un posible cortocircuito

(Gráficas GES)-Cerca de las doce de la mañana de este miércoles saltaron todas las alarmas …