A Deputación da Coruña inicia en 2026 a construcción dun acceso directo a As Pontes desde a AG-64

O investimento, de 1,1 millóns de euros, xa está consignado nos Orzamentos 2026 e o proxecto atópase en fase avanzada de redacción. Consitirá na ampliación e mellora integral da actual estrada DP 7703 no tramo entre Medoñas e Ponte Souto (Aparral)

A Deputación da Coruña avanza na creación dun novo acceso directo a As Pontes desde a autovía AG-64, mediante a ampliación e mellora integral da estrada provincial DP 7703, no tramo entre Medoñas e Ponte Souto (Aparral).

O proxecto, que conta cun investimento previsto de 1,1 millóns de euros xa consignados nos Orzamentos 2026, atópase nunha fase de redacción avanzada, o que permitirá iniciar as obras ao longo do vindeiro ano.

Segundo explicou o presidente da Deputación e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, o obxectivo é transformar a DP 7703 nun vial de acceso amplo, seguro e rápido ao centro da vila desde a autovía, evitando que o tráfico teña que atravesar o polígono industrial de Airios”.

Formoso visitou a zona acompañado polo concelleiro de Obras, Infraestruturas, Medio Ambiente e Medio Rural, Roberto Rivera, e por técnicos de Vías e Obras da institución provincial.

Unha resposta a unha demanda histórica do territorio

Formoso incidiu en que estas obras darán resposta a unha antiga demanda das asociacións veciñais de Chamoselo e Aparral, así como dos empresarios instalados no polígono de Airios, creando un acceso amplo, seguro, cómodo e rápido entre a autovía e o centro da vila.

O presidente lembrou que o tránsito pola estrada que cruza o polígono xera problemas de seguridade nunha área empresarial moi activa, con máis de 35 compañías e preto de 400 traballadores que utilizan a vía a diario, ademais do tráfico pesado propio dun polígono industrial.

“Con este novo acceso melloraremos a seguridade, reduciremos molestias ás empresas e ofreceremos unha entrada máis cómoda e fluída cara ao centro de As Pontes”, engadiu.

Mellora do trazado e eliminación de puntos perigosos

O proxecto prevé a eliminación das curvas pronunciadas nos primeiros quilómetros da estrada (PK 1+1011 e PK 1+810) e a ampliación da plataforma en todo o tramo, garantindo condicións de circulación óptimas para o tráfico procedente da autovía AG-64 Ferrol-Vilalba.

Ao estar xa incorporado aos Orzamentos 2026, o proxecto conta con calendarización garantida.Unha vez executado, este novo acceso converterase nunha infraestrutura estratéxica para a mobilidade, a seguridade viaria e o desenvolvemento económico do Concello de As Pontes e da súa área de influencia.

Lea también

Valdoviño celebra una jornada de puertas abiertas en las escuelas unitarias

Las escuelas unitarias integradas en el CRA de Valdoviño celebran el próximo mes de febrero …