Fene acolle unha nova charla da Escola de Hábitos Saudables

A Casa da Cultura de Fene acolle este mércores 17 de abril, ás 12 horas, a cuarta sesión da “Escola de Hábitos Saudables” que organizan o Centro de Saúde de Fene e as Unidades de Apoio Nutricional de Atención Primaria en Ferrol, coa colaboración do Concello de Fene.

Nesta nova cita, a dietista-nutricionista do Centro de Saúde de Fene Iria González falará sobre abordaxe nutricional e prevención da obesidade e comorbilidades asociadas. Importancia do binomio: alimentación saudable e exercizo físico. A entrada ao acto será libre e de balde até completar o aforo.

Na charla da Escola de Hábitos Saudables deste mércores tratarase un tema moi importante, a prevención do sobrepeso e a obesidade, “a nova pandemia do século XXI, tendo en conta a importancia da alimentación para previr dita enfermidade así como outras comorbilidades asociadas, como a hipertensión arterial, a dislipemia, ou a diabetes mellitus tipo 2; xunto coa importancia de realizar exercicio físico regularmente”.

A nutrición como calquera ciencia avanza, polo que é moi importante estar actualizados e achegar información con evidencia científica. Por iso, o obxectivo da Escola de Hábitos Saudables é “desmentir todos os mitos e aportar información con rigor científico e actual no mundo da alimentación saudable”.

Iria González é dietista-nutricionista no Centro de Saúde de Fene. Realizou o grao en Nutrición Humana e Dietética e un Máster Universitario en Condicións Xenéticas, Nutricionais e Ambientais no Crecemento e Desenvolvemento. Desde 2019 traballa como dietista-nutricionista no ámbito clínico privado. E en decembro de 2022 incorpórase ao SERGAS (CS Fene), como dietista-nutricionista, con funcións tanto na asistencia clínica como na comunitaria.

Lea también

Amplíase o Bono Activa Comercio con outros 2,5M€

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, invitou a sumarse á campaña do …