Un temporal azouta de cheo a Comarca de Ferrolterra, asfortes chuvias e a acumulación e o arrastre de ramas de árbores provoca unha rotura na parede da Presa do Rei xerando unha saída incontrolada de auga. Este é o incidente ficticio que dará lugar ao simulacro que se realizará este martes 9 de abril, entre as 09:30 e as 13:00 horas, nas inmediacións deste encoro situado entre os concellos de Narón e Neda.
O simulacro foi concibido no marco do proxecto europeo Comumunity of Valued Experts in Hydrometeorological and Technological Multi-Hazards (COVALEX), nado baixo o paraugas da Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias, adscrita á Facultade de Ciencias do Traballo do Campus Industrial de Ferrol pertencente á Universidade da Coruña.
No primeiro escenario do simulacro, activaranse as correspondentes alertas e os servizos de emerxencias realizarán a evacuación das vivendas afectadas polo desbordamento do río de Xuvia e porán en marcha os controis de tráfico nas estradas máis próximas.
No segundo escenario, realizarase o rescate e o posterior traslado ata a ambulancia de dúas persoas que supostamente foron arrastradas pola corrente do río nas inmediacións do paseo fluvial. A caída dun autobús escolar na Ensenada da Gándara así como o rescate en auga do condutor e das persoas ocupantes serán os protagonistas do terceiro escenario do simulacro.
O Edificio da Vicerreitoría, situado no Campus Industrial de Ferrol, acollerá, ás 09:00 horas, o acto de benvida aos representantes dos socios do Proxecto Europeo COVALEX procedentes de Francia, Austria, Grecia e de Italia así como ao alumnado do máster en Prevención de Riscos Laborais e Riscos Comúns que se imparte na Facultade de Ciencias do Traballo e ao do máster en Enxeñaría Industrial vinculado á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) que participará nas distintas actividades programadas pola organización ao longo deste martes e mércores.
Asistirán, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares; o director científico do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol, Armando Yáñez; e a coordinadora do Proxecto Europeo COVALEX, a profesora da Universidade da Coruña Sonia Zaragoza.
O simulacro poderá seguirse en directo a través de varias pantallas xigantes no Club de Remo de Narón. Ao longo da xornada, estarán pendentes do desenvolvemento desta actividade o coordinador da Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias da Universidade da Coruña, Daniel Lorenzo; o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), Marcos Araújo; o subdirector de Procesos Asistenciais da Área de Enfermaría do 061, Óscar Estraviz; e o responsable autonómico de Emerxencias da Cruz Vermella, Daniel Fernández.
Un hackathon express no que participarán 56 estudantes de máster
A Facultade de Ciencias do Traballo do Campus Industrial de Ferrol acollerá na tarde do martes 9 de abril e, máis concretamente, de 15:00 a 20:30 horas, un hackathon express no que participarán un total de 56 estudantes do máster en Prevención de Riscos Laborais e Riscos Comúns e do máster en Enxeñaría Industrial.
Divididos en equipos de non máis de seis persoas, terán que superar unha serie de retos orientados a mellorar a xestión das emerxencias e moi vinculados ao simulacro realizado pola mañá nas inmediacións do Río Xuvia ao seu paso entre os concellos de Narón e Neda.
O coordinador da Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias, o técnico de Prevención do Concello de Narón e alumno do programa de Doutoramento en Relacións Laborais e Recursos Humanos da Universidade da Coruña, Daniel Lorenzo, impartirá unha formación previa centrada nas directrices de boas prácticas á hora de realizar un rescate satisfactorio no suposto dunha inundación.
Conferencias e presentacións sobre a xestión de emerxencias hidrometereolóxicas
Pola súa banda, o Salón de Graos da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol, acollerá, este mércores 10 de abril, o Ciclo de Conferencias sobre a xestión de emerxencias hidrometereolóxicas derivadas de fenómenos relacionados coa auga.
Ás 09:30 horas terá lugar a primeira conferencia da man do membro da Unidade de Avaliación e Recuperación de Danos por Desastres de Valencia, Marce·lì Rosaleny i Romero, quen falará sobre as operacións de emerxencia no caso de inundacións.
Logo das presentacións da Secretaría Xeral de Protección Civil de Grecia e da Asociación da Cruz Vermella de Italia, ás 11:45 horas, intervirá o subdirector xeral de Metereoloxía e Cambio Climático da Xunta de Galicia e director de MeteoGalicia, Isaac Gómez Piñeiro, quen afondará nas emerxencias hidrometerolóxicas.
De seguido, ás 12:30 horas, será a quenda do xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), Marcos Araújo, cunha intervención na que afondará no futuro da protección civil e das emerxencias. A última presentación da mañá, prevista para as 13:15 horas, correrá a cargo da Fundación CIMA – Centro Internacional de Monitoreo Ambiental de Italia.
Xa pola tarde, a partires das 16:00 horas, terá lugar unha mesa redonda na que participarán representantes de Protección Civil da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol quen debaterán sobre boas prácticas no futuro da xestión deste servizo público que responde ante emerxencias e catástrofes naturais e humanas no que atinxe ás inundacións. O peche institucional e o acto de entrega de premios do Hackathon comezará ás 17:00 horas.
COVALEX, unha rede europea de persoas expertas coordinada pola Universidade da Coruña.
Reforzar a cooperación europea en materia de protección civil e prevención de catástrofes promovendo a posta en marcha dun sistema de gobernanza baseado en probas científicas.
Este é o obxectivo do proxecto europeo Comumunity of Valued Experts in Hydrometeorological and Technological Multi-Hazards (COVALEX) nado baixo o paraugas da Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias, adscrita á Facultade de Ciencias do Traballo da Universidade da Coruña, e liderado pola profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e investigadora individual do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol, Sonia Zaragoza.
Establecer unha comunidade ampla e común de persoas expertas sobre a experiencia, a cobertura xeográfica e as diversas redes sectoriais en materia de fenómenos hidrometeorolóxicos e multi-risco. Esta é a principal liña de traballo que está a desenvolver o persoal investigador da Universidade da Coruña, institución que coordina o proxecto europeo COVALEX, xunto con persoas expertas da NALAS – Rede de Asociacións Nacionais de Autoridades Locais de Europa Sudoriental de Francia, da Rede de Competencia de Desastres de Austria, da Secretaría Xeral de Protección Civil de Grecia, así como da Fundación CIMA e da Asociación da Cruz Vermella de Italia.
O proxecto europeo COVALEX está financiado pola Dirección Xeral de Protección Civil e Operacións de Axuda Humanitaria Europeas (DC ECHO), un departamento da Comisión Europea que se encarga da xestión da protección civil na Unión Europea e da axuda humanitaria no estranxeiro. Conta cun orzamento total de 774.359 euros distribuído entre os cinco socios que integran o consorcio. A Universidade da Coruña dispón de 220.741 euros para liderar e coordinar este proxecto.