A casa consistorial de Ares presentou o DegustAres 2024, o roteiro municipal de tapas que organiza o Concello. Lucía Blanco, edil de Comercio encargada da súa materialización, anunciou no acto de presentación as datas de celebración da iniciativa: a veciñanza poderá gozar e valorar a gastronomía local nas xornadas do 13, 14, 20 e 21 de abril.
A iniciativa, que conta coa colaboración de Coca Cola, Bodegas y Vinos Ares, Bodegas Valdelana e Abanca, implicará unha forma de participación similar a de anteriores edicións: os locais participantes ofrecerán aos seus clientes a tapa do concurso por valor de 1 euro e os concursantes deberán probar o pincho e valóralo no cartón do DegustAres 2024, repartindo 15, 10 e 5 puntos para o primeiro, segundo e terceiro posto. Unha vez consumida a tapa, deberase selar o cartón e continuar o percorrido até completalo.
Os negocios de hostalería que obteñan maior puntuación recibirán coma premios 500 euros para o 1º posto; 400 euros para o 2º posto e 300 euros para o 3º posto, xunto coa posibilidade, baixo o formato de sorteo, de desfrutar dunha visita e unha noite de hotel para dúas persoas en El Ciego (Álava), xentileza de Bodegas Valdelana.
NOVIDADES NOS PREMIOS A CLIENTES PARTICIPANTES
Na edición do DegustAres 2024, a gran novidade preséntase nos premios para a veciñanza que participe no roteiro: a maiores de entrar no sorteo dos 5 vales de 100 euros cada un para investir no comercio aresán, poderán gañar 2 entradas para ver ao Racing de Ferrol e mesmo 2 camisetas do equipo ferrolán.
A oferta de premios para clientes compleméntase cunha visita e noite de hotel para 2 persoas en El Ciego, Álava, xentileza de Bodegas y Vinos Ares, e un último vale de 100 euros que se sorteará o 3 de maio entre as persoas que asistan ao acto de peche do DegustAres. O que lembran dende a área de Comercio é a caducidade de todos os vales do roteiro: terán vixencia até o 31 de outubro de 2024.
Neste ano, Ares contará con 10 bares e restaurantes que participarán no concurso de tapas:
A Casa Nova
Bocarte
Café Kom
Casino de Ares
CIRS Cervás
Club de Tenis de Redes
Hamburguesería O Lago
O Gaiteiro
Tarrafa
Yambú