O Café Teatro do Pazo da Cultura acolleu onte a presentación do libro “Rostros da memoria. Ferrol 1972”, do fotoxornalista Xurxo Lobato.
A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e a presidenta da Asociación Fuco Buxán, Susana Alaniz, acompañaron a Lobato no acto, ao que acudiron algunhas das persoas que saen na publicación e tamén representantes da corporación local e veciñanza da cidade.
A rexedora local inicio o acto felicitando ao fotoxornalista polo seu traballo e recordando que hai ano e medio se exponía no exterior do Pazo a mostra con imaxes que aparecen nesta publicación. “Grazas, Xurxo, por captar á perfección o sentimento de trinta persoas cuxa valentía contribuíu á transición democrática no noso país”, asegurou a alcaldesa, que agradeceu tamén a implicación da Asociación Cultural Fuco Buxán.
A continuación, a presidenta da citada entidade destacou a importancia de dar a coñecer un relato colectivo a través de testemuñas individuais e calificou como un “trunfo” presentar a obra, editada pola citada entidade. “Fuco Buxán naceu para iso e a través desta publicación promóvese unha reflexión sobre a brutal represión franquista e o secuestro das liberdades”, recalcou, incidindo na importancia de que “loitar contra o inaceptable é combater a inxustiza”.
Finalmente, o autor do libro agradeceu o respaldo do Concello naronés, subliñando que “concellos como este son un exemplo, porque non todos teñen esta actitude política que compre subliñar”. Lobato recordou que o libro xorde tras unha conversa telefónica co sindicalista Rafael Pillado recordando o asasinato de dous traballadores dos astaleiros da antiga Bazán, Amador Rey e Daniel Niebla e a represión ao movemento sindical e obreiro en Ferrol. Xurxo Lobato perfeccionou a idea e grazas á implicación da Asociación Cultural Fuco Buxán materializouna.
De aí xurdiu esta publicación, cun soporte expositivo no que colaborou a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol. “O libro é unha homenaxe a todos os que loitaron pola democracia que hoxe desfrutamos e as persoas que aparecen no libro poderán ver recoñecida nel a súa dignidade”, asegurou o autor.
Lobato acompañou a presentación cun soporte audiovisual no que se viron as imaxes das persoas que aparecen na publicación, entre eles Rafael Pillado, traballador de Bazán; Francisco Rodríguez, que exercía entón como catedrático de Literatura; o xornalista José Torregrosa; Irene Piñeiro, traballadora do sector do comercio; Antón Martínez Aneiros, sacerdote e exalcalde de Narón…
Finalmente, a alcaldesa reiterou as felicitacións a Xurxo Lobato, recalcando que “querías saldar unha débeda pendiente da sociedade con este colectivo e podemos dicir que o fixeches con creces”. Ferreiro destacou tamén a importancia de recordar estes graves sucesos que marcaron a historia do país e tratar de que non queden no esquecemento nin se repitan.