O Centro de Recursos Solidarios de Narón recibirá 5.000 euros recadados na comida celebrada no Campo da Serra

O Centro de Recursos Solidarios de Narón recibiu un vale por importe de 4.948 euros da recadación da comida celebrada este sábado no pavillón Campo da Serra. O Concello colaborou coa Selección Española de Carniceiros, representada polo seleccionador nacional Bruno Casal, e Cedecarne, neste evento solidario, ao que acudiron algo máis de 200 persoas.

A partir das 12:00 horas un equipo de profesionais da Selección Española de Carniceiros realizou unha demostración de corte e preparación de diferentes elaboración con múltiples variedades de carne. Un traballo que viron en directo as persoas que se achegaron ao evento. Instalados nunha zona do pavillón e con varias mesas que ocupaban uns oito metros, amosaron o traballo realizado á espera de que se iniciase o apartado gastronómico.

Baixo unha carpa exterior instalada para a ocasión comezaron a cocinarse as diferentes variedades de carne que se serviron na comida a partir das 15:00 horas. Os asistentes abonaron 22 euros polo menú, con tres platos diferentes –tenreira en salsa, churrasco e hamburguesa-, que degustaron as persoas que quixeron colaborar neste evento solidario, para axudar ás familias vulnerables que se atenden dende o Centro de Recursos Solidarios de Narón. Actividades infantís e música completaron a programación desta xornada, que se prolongou ata última hora da tarde.

A concelleira de Benestar Social, María Lorenzo, e a edil de Festas, Mar  Gómez, acudiron tamén á convocatoria. Ao remate da mesma, agradeceron “a implicación da Selección Española de Carniceiros, de Cedecarne e das empresas e establecementos que fixeron posible, xunto coas persoas que acudiron ao evento, que se recadasen fondos para unha boa causa”.  Ao mesmo tempo, destacaron o labor do Centro de Recursos Solidarios e de todo o voluntariado “que cada día traballan para que esta asociación local poida desenvolver a súa función e atender ás persoas que máis o precisan”.

Lea también

Inaugúrase en Narón o Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia

O Centro de Interpretación dos Muíños Indutriais de Xuvia (CIMIX) está xa aberto á cidadanía …