San Sadurniño celebra o Día do Libro Infantil e Xuvenil

No mes de abril hai dúas datas marcadas no calendario que teñen os libros como protagonistas. A máis importante é o 23 o día en que se lle rende tributo ao libro e aos escritores, ademais de reivindicar a súa contribución á cultura e ao avance da sociedade.

A outra é este martes 2 de abril, día no que a IBBY Organización Internacional para o libro xuvenil estableceu unha xornada dedicada á literatura para a rapazada, por cadrar na data de nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen.

A biblioteca municipal de San Sadurniño organiza con motivo desta celebración o espectáculo «A Orixe», que terá lugar na Casa da Cultura a partir das 11:00h coa asistencia dos nenos máis pequenos da escola.

«A Orixe» é un espectáculo de narración oral, manipulación de obxectos e monicreques protagonizado por unha exploradora, Raquel Queizás, que chegará ao centro cultural para  compartir as historias escoitadas nas súas expedicións ao longo do mundo. Así, a exploradora dramatizará dun xeito «moi participativo»  diferentes lendas, contos e mitos, coa axuda dalgúns pequenos tesouros recollidos nas súas viaxes.

A proposta de Queizás é resultado dunha longa investigación e escolma de contos e lendas tradicionais provenientes de distintas culturas. Historias que, segundo a sinopse do espectáculo, teñen un dobre propósito, «por un lado, educar ós nenos máis novos (os contos están protagonizados por animais personificados que se debaten entre o uso da forza bruta e o emprego da intelixencia para a resolución dos conflitos). Doutra banda, moitas destas lendas buscan describir e explicar a orixe do mundo e o lugar que a humanidade ocupa nel, fomentando o respecto pola natureza».

A Biblioteca Municipal de San Sadurniño convidou á rapazada máis pequena do CPI a que se una a esta viaxe de descubrimento das orixes do mundo «cando non existía nin o día nin a noite». Comezará ás 11:00h no salón de actos da Casa da Cultura, tendo como público ao alumnado de Educación Infantil e de 1º de Educación Primaria no día en que retoman as clases tralas vacacións da Semana Santa.

«A Orixe» chega a San Sadurniño dentro do programa Ler Conta Moito da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

Lea también

O Pazo da Cultura de Narón acolle a exposición «Arte en tinta»

O Concello de Narón, ABANCA e Afundación inauguran este xoves 12 de decembro, ás 12.00 …