Concello de Moeche e Asociación ecuestre 23 de Abril asinan o convenio para a feira cabalar

A alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, e a nova presidenta da Asociación ecuestre 23 de Abril, Noelia Castro, asinaron o acordo de colaboración entre a entidade e o Concello para levar adiante a tradicional feira cabalar que se desenvolverá o día de San Xurxo (23 de abril)

O convenio establece unha achega municipal de 6.000 euros para os gastos organizativos, pero tamén a axuda por parte do Concello no referido a equipamentos e na coordinación de seguridade.

Pola súa banda, a asociación asumirá, entre outros cometidos, a preparación do recinto, o seguro da proba, unha segunda ambulancia e todos os aspectos relacionados co desenvolvemento das actividades do evento. Deste xeito, o colectivo volverá encargarse da cita ecuestre en 2024 despois de renovar a súa directiva e despois de que o ano pasado a feira estivese organizada polo Concello.

De acordo co documento asinado na casa consistorial, a Asociación ecuestre 23 de Abril, como entidade organizadora, levará todo o referido ás distintas probas de trote e andadura, cronometraxes, xulgamentos, etc., o control dos animais inscritos, incluídos os aspectos sanitarios, así como a xestión dos postos que acoden exclusivamente a esta cita co mundo equino e non ao resto de feiras mensuais que teñen lugar en Moeche.

Ademais, segundo o convenio, a entidade deberá asumir a contratación dunha póliza de seguros que cubra as posibles responsabilidades que se puideran derivar do evento, a presenza dunha  ambulancia medicalizada de apoio e, alén doutros compromisos, tamén a montaxe, desmontaxe e limpeza do espazo ao remate do evento.

Pola súa banda, a Administración local xestionará a solicitude dos valados de protección cos que se delimitará a zona das probas, ademais de de tramitar a autorización da Deputación, parte da feira ocupa unha vía provincial, e solicitará da Subdelegación do Goberno a colaboración da Garda Civil, así como a axuda de varias agrupacións de Protección Civil da comarca no dispositivo de seguridade.

O Concello de Moeche tamén colaborará coordinando coa veciñanza a cesión de espazos para estacionamento e para a propia feira, xunto coa contratación dunha segunda ambulancia e dunha inserción publicitaria nun medio de comunicación.

Ademais desta colaboración loxística, a Asociación ecuestre 23 de Abril recibirá 6.000 euros en concepto de subvención nominativa municipal. A metade dese importe farase efectiva trala sinatura do convenio e a outra metade no momento da xustificación dos gastos, que a entidade deberá presentar o 30 de novembro como moi tarde, a menos que obteña unha prórroga por razóns debidamente xustificadas.

Tras firmar o acordo de colaboración, a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, destacou o feito de que a Asociación ecuestre 23 de Abril «volva coller as rendas da feira cabalar» despois de renovar a súa directiva.

Cómpre lembrar que a cita de 2023 estivo organizada directamente polo Concello «coa axuda inestimable de moitas das persoas que formaban e aínda forman parte da entidade». Bascoy felicitouse de que a asociación «teña asegurada a súa continuidade con xente nova, algunha moi nova», a quen a rexedora lles desexou «sorte nesta nova andaina e no compromiso que adquiren, para o que sempre contarán co apoio do Concello»

Lea también

Neda mantendrá abierto todo el año la solicitud de sus ayudas de natalidad

El Ayuntamiento de Neda recuerda que mantiene abierto durante todo el 2024 el programa de …