Narón acolle a presentación do libro De entre as tebras, de Alex Pernas

O escritor coruñés Alex Pernas presentará o vindeiro martes 2 de abril, na Biblioteca municipal de Narón o seu terceiro libro, De entre as tebras. Así o avanzou a concelleira responsable da área, Olga Ameneiro, que indicou que o acto dará comezo ás 19:00 horas e que ao remate do mesmo se poderán adquirir exemplares desta publicación.

De entre as tebras é un libro de relatos, autoeditado polo autor en setembro do pasado ano, no que, camiñando da man de seres e lugares da mitoloxía galega, se amosa o máis escuro da condición humana nuns textos nos que nada é o que semella. O libro está composto de dezanove relatos centrados cada un deles nun ser, lugar ou obxecto da mitoloxía galega.

Cada un deles está ambientado nun lugar diferente da nosa xeografía, percorrendo aldeas illadas nos Ancares e tamén cidades como Santiago de Compostela, ou dende o mar de Viveiro e Muxía ata as terras de Chantada e Valdeorras, unindo o mundo urbano co rural e o interior coa costa.

En canto á temática dos textos, cabe sinalar que é variada, podendo atopar as vivencias de mulleres de comezos do século XX; a vellez dun home durante os anos 60 do mesmo século ou a adolescencia de diferentes xeracións, coma boomers, millenials ou zetas. Nos relatos abórdanse diferentes problemáticas sociais coma o acoso escolar, a gordofobia, as enfermidades mentais ou o machismo.

O autor do libro naceu na Coruña, no ano 1986, e desenvolve a súa carreira coma enxeñeiro de software. Como autor literario publicou en 2018 a novela de ficción social Xarfas, e en 2022 o libro de relatos A Paga, publicado anteriormente coma folletín no xornal dixital adiante.gal entre os anos 2018 e 2021. Ademais formou parte de varias formacións musicais coma TST, Ad Intra, Os Relámpagos de Nós e Oymyakon (na que se atopa na actualidade).

Lea también

O alumeado de Nadal en Narón acenderase este xoves

A concelleira de Festas, Mar Gómez, anunciou que o tradicional acto de acendido do alumeado …