Un medio de información que vén sumarse ás distintas plataformas municipais coa finalidade de que a veciñanza estea ao tanto dos avisos, noticias e previsións de axenda institucionais, pero tamén de aqueloutros contidos producidos polo tecido asociativo.
Para subscribirse á canle desde dispositivos móbiles ou desde a versión de escritorio de Whatsapp só hai que picar nesta ligazón. Desde a súa creación xa son preto dun cento de persoas as que se uniron á canle. E o número vai medrando día a día.
A diferenza dos grupos, as canles de Whatsapp só permiten a comunicación unidireccional, é dicir, as mensaxes envíanse e as persoas usuarias recíbenas no móbil, pero nin poden contestalas nin o Concello pode tampouco entablar conversas a través desta vía, pensada precisamente para lanzar avisos, cortes de auga, cambios en horarios, etc, noticias e outra información de servizo público.
Ademais, nas canles mantense a confidencialidade dos datos das persoas subscritas, no sentido de que o Concello só sabe cantas usuarias seguen a canle, pero en ningún caso o seu nome ou número de teléfono. Iso si, se seguimos ao Concello de San Sadurniño en Whatsapp poderemos saber que outras persoas da nosa lista de contactos tamén están subscritas á canle.
Para unha mellor experiencia é moi recomendable activar en Whatsapp as alertas, que están anuladas por defecto tanto en dispositivos Android como en iOS. Así, unha vez dentro da canle, nos teléfonos Android só hai que premer no icono da campá situada na esquina superior dereita. Quen teña un iPhone deberá ir a Novidades (esquina inferior esquerda)>Canle Concello de San Sadurniño>pulsar no circuliño cos tres puntos da esquina superior dereita>Info da canle>Desactivar opción silenciar. Feito isto, cada vez que haxa unha novidade saltaranos como notificación na pantalla do móbil, igual que cando recibimos un was.
Tal e como explica o alcalde, Secundino García, a posta en marcha desta nova canle informativa atende “á constante actualización dos medios de comunicación municipais, coa finalidade de que os veciños de San Sadurniño teñan información inmediata e útil tanto do Concello como das asociacións do territorio”.
A este respecto, García lembrou que todas as plataformas informativas do Concello, como son o Facebook, X, Instagram, o boletín Novas e incluso a axenda de Google Calendar, “están abertas aos contidos que envíen as asociacións, de cara a dárlles maior difusión. Por outro lado, todas as citas e eventos que nos fan chegar asociacións e comisións de festas tamén se envían á prensa comarcal para que teñan maior alcance”.
Para que os colectivos poidan publicitar todas as cousas que organicen -festas, cursos e outras convocatorias- abonda con enviar un correo a concellodesansadurnino@
Cos datos recibidos elaborarase unha pequena información para publicar na web municipal, para mandala aos medios de comunicación e tamén para compartila en Facebook e outras redes, ademais de incorporala ás axendas de Google e incluíla no boletín Novas, sempre e cando haxa tempo suficiente para metela no seguinte número.
“Temos varios medios de comunicación municipais que se xestionan de maneira coordinada adaptando as mensaxes a cada un deles”, comenta o rexedor ao tempo que destaca o alcance da difusión municipal: “o Novas chega a todas as casas e establecementos públicos cada mes e medio ou dous meses, e en Facebook, onde se publican contidos practicamente todos os días, temos máis de 8.000 persoas seguidoras, que é un número certamente elevado para un concello que non chega aos 2.800 habitantes”.