O Concello de Narón e a delegación en Ferrolterra da Asociación Galega de Apicultura retoman as campañas de trampeo contra a avespa velutina.
Profesionais do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS) de Narón iniciarán a vindeira semana unhas xornadas nos centros de ensino a través das que se realizarán unhas 2.500 trampas para capturar avespas velutinas.
Así o anunciou o concelleiro responsable do servizo, José Oreona, que avanzou que a primeira convocatoria terá lugar o vindeiro 4 de abril no colexio Ponte de Xuvia. “Estes obradoiros de trampeo diríxense a alumnado de terceiro, cuarto, quinto e sexto curso de Primaria, e teñen unha duración aproximada dunha hora cada un deles”, apuntou o edil.
As trampas realízanas utilizando material reciclado, reutilizando botellas de plástico, e tamén elaborando o líquido atraínte, a base de azucre, levadura e auga, neste caso. Os nenos aprenden a finalidade das mesmas e a importancia de colocalas nas hortas e xardíns na época axeitada para evitar a proliferación desta especie invasora e a proximidade dos niños de velutinas cerca das casas.
Dende a Asociación Galega de Apicultura aseguraron que naquelas zonas nas que se trampea dun xeito organizado “o número de niños pode reducirse no verán ata nun 75%”, co que iso supón de cara a aminorar o problema medioambiental e de seguridade cidadá que conleva esta especie. Realizar unha ampla campaña de trampeo primaveral é fundamental, entre marzo e maio, recalcan, para contener a multiplicación das avespas velutinas-.
Os representantes de AGA animan á veciñanza a implicarse nesta campaña e trasladan unha mensaxe clara: “Se non queres un niño velutino próximo á túa casa, pon un par de trampas na túa horta ou xardín”, co que se evitará ter un niño a menos de 150 metros da vivenda.
Pola súa banda, o edil de Seguridade Cidadá e SPEIS recordou que o pasado ano “os bombeiros de Narón realizaron un total de 229 intervencións relacionadas con servizos apícolas, tanto de cremación e extracción de niños, como inspeccións, entre outros procesos”.
As persoas que teñán dúbidas poden contactar coa delegación en Ferrolterra da Asociación Galega de Apicultura, no número de teléfono 661 378 960