A ASF abría este viernes as súas portas para futuros profesionais da sanidade invitándolles a que se formen como residentes na Área Sanitaria de Ferrol.
Para contarlles por que escoller esta Área para a súa formación, organizouse como novidade una mesa coloquio cos residentes que xa están implicados e implicadas nesta Área. Foi no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Alí, diversos profesionais, titores e residentes relatáronlle algunhas cuestións en relación coa súa formación, e abriuse unha quenda de preguntas para cada especialidade. Pódese optar a un total de 51 prazas de residentes este ano na Área Sanitaria de Ferrol (ASF), ó engadirse como novidade este ano, a alternativa tamén as especialidades de Endocrinoloxía e Pneumoloxía.
No acto estiveron o xerente da Área, Ángel Facio Villanueva; o xefe de estudos do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, Ramón López de los Reyes; a xefa de estudos da Unidade docente de Medicina Familiar e Comunitaria, Tamara López Cela; e a presidenta da subcomisión de docencia de especialidades de Enfermaría, Marisa Fraga Sampedro. Dende os equipos de Docencia, destacan un ano máis a familiaridade desta Área Sanitaria de Ferrol.
O xerente da Área, Ángel Facio, destacou que “as especialidades apréndense cos pacientes, que son o máis importante”; e engadiu que» na nosa Área facilítase a integración e a participación”, que “contamos con alta tecnoloxía como os hospitais máis grandes” e “profesionais moi potentes na sanidade pública ferrolá”.
Ramón López de los Reyes destacou que “é un momento complexo o de decidir onde facer a residencia”, pero que “esta Área ferrolá está moi comprometida coa docencia”. Tamara López Cela, enfatizou que “aquí ides ser benvidos, esperámosvos cos brazos abertos”. E, por último Marisa Fraga subliñou o carácter familiar e de comunidade das residencias da Enfermaría especializada, e o apoio por parte da dirección, “teredes unha formación auténtica, de competencia alta e con autonomía, nun ambiente familiar e achegado”. Ademais, outra das grandes vantaxes que mencionaron todos nesta área é que se facilitan as rotacións externas en centros de referencia nacionais e internacionais.
Estas cuestións foron avaladas polos propios residentes que están xa a facer a súa formación na Área Sanitaria de Ferrol, que contaron a súa experiencia ós futuros posibles residentes que acudiron a esta xornada de portas abertas deste venres 22.
Xa son 26 as especialidades acreditadas
A Área Sanitaria de Ferrol conta con acreditación docente dende o ano 1978, e son, coa de Oncoloxía que se acreditou este ano (os residentes poderán escollela o ano que vén), xa son un total de 26 as especialidades acreditadas na actualidade: Medicina Familiar e Comunitaria, Traumatoloxía, Cirurxía, Medicina Interna, Pediatría, Psiquiatría, Xinecoloxía, Psicoloxía Clínica, Farmacia Hospitalaria, Análises Clínicas, Uroloxía, Radiodiagnóstico, Oftalmoloxía, Neuroloxía, Dixestivo, Dermatoloxía, Anestesia e Reanimación, Medicina Intensiva, Anatomía Patolóxica, Microbioloxía, Endocrinoloxía, e Pneumoloxía que se acreditaban o pasado ano, e que optan este ano a ter o seu posible primeiro residente.
Ademais, están tamén acreditadas a Enfermaría Obstétrico Xinecolóxica (matronas), a Enfermaría Familiar e Comunitaria, e a Enfermaría de Saúde Mental. Xunto con isto, cóntase con 12 centros de saúde acreditados para a docencia.
Na actualidade, son 115 os titores e colaboradores docentes nos distintos centros acreditados da Área Sanitaria de Ferrol; e hai un total de 121 os profesionais Residentes: Análises Clínicas (2); Anatomía Patolóxica (2); Anestesia e Reanimación (4); Aparello Dixestivo (3): Cirurxía Xeral (5), Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía (5); Dermatoloxía (4); Farmacia Hospitalaria (3); Medicina Intensiva (1); Medicina Interna (5); Microbioloxía (1), Neuroloxía (2); Obstetricia e Xinecoloxía (4); Oftalmoloxía (4); Pediatría (4); Radiodiagnóstico (4); Uroloxía (5); Unidade Docente Multiprofesional da Área Familiar e Comunitaria (49, 35 de medicina e 14 de enfermaría); Unidade Docente Enfermaría Obstétrico Xinecolóxica (3); Unidade Docente Multidisciplinar de Saúde Mental (11, 4 Psiquiatría, 4 Psicoloxía Clínica e 3 Eir Saúde Mental).
Lembrar novamente que a formación sanitaria especializada é a máxima titulación que existe no ámbito da formación especializada e implica responder a un estándares determinados. O seu recoñecemento repercute de xeito significativo na calidade asistencial beneficiando ós usuarios e usuarias en tanto que esixe seguir mantendo criterios de excelencia no labor asistencial, ademais dunha continua actualización na formación dos profesionais.
Coñecementos que se adquiren
En termos xerais, xa que cada especialidade ten as súas peculiaridades, no caso dos Médicos Internos Residentes da especialidade en Medicina Familiar e Comunitaria, para completar a súa formación, os novos médicos residentes comezan traballando os primeiros meses nun centro de saúde da Área, e posteriormente rotan nos centros hospitalarios. Pola súa banda, as e os profesionais residentes do resto de especialidades realizan as rotacións e gardas correspondentes nos hospitais do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.
De xeito global, a supervisión do traballo dos residentes corre a cargo dos titores que son a referencia dos residentes durante a súa formación. Ó final de cada rotación, os residentes son avaliados polo seu titor, cualificándoos en base ós seus coñecementos e actitudes. Estes resultados, xunto cos méritos adicionais, como sesións clínicas ou investigacións que cada residente ten, establecen a súa avaliación anual e final, por un comité de avaliación.
Pola súa banda, os contidos do programa formativo para as e os enfermeiros adecúanse ás necesidades actuais e futuras da atención no ámbito sanitario familiar e comunitario; e facilita os coñecementos necesarios cun amplo programa para adquirir experiencia rotando tanto no centro de saúde, como no hospital en distintas áreas, en Hospital de Día, nas urxencias e incluso na área de benestar social do Concello para familiarizarse coas estruturas sociosanitarias existentes.
O primeiro ano de formación destes enfermeiros especialistas é máis técnico, e o segundo ano, é un traballo máis orientado cara ó paciente e ó seu entorno. Ademais esta unidade potencia a formación dos residentes no eido do traballo comunitario, buscando sempre a promoción da saúde, e a participación da comunidade adscrita a cada zona básica de saúde.