Ferrol en Común presenta unha moción no Pleno Ordinario de marzo coa que solicitará ao goberno local «a convocatoria e reactivación do Consello Sectorial Municipal de Benestar Social, un órgano que aínda non se convocou no que vai de mandato e no que estaban a participar máis de 10 entidades sociais da cidade».
«En Ferrol existen numerosas entidades do eido do Benestar Social, todas elas realizando un inmenso traballo en prol dos colectivos máis vulnerables ou en risco de exclusión social».
«En febreiro de 2020 constituíuse o Consello Sectorial Municipal de Benestar Social no que ademais de participar a Concelleira da area e representantes dos grupos municipais da corporación, está composto por máis de 10 entidades sociais da nosa urbe, coa finalidade de potenciar o benestar social e a inclusión social, e poñer en común as necesidades dos colectivos en situación de vulnerabilidade, risco de exclusión ou exclusión social da nosa cidade e dar unha resposta conxunta e coordinada dende o Concello e as propias entidades».
«Algunhas das funcións do Consello Sectorial de Benestar Social segundo o seu propio regulamento serían as de asesoramento, fomento do asociacionismo vencellado ás políticas sociais, promoción da realización de estudos ou traballos, canalización de denuncias e demandas dos colectivos en situación de vulnerabilidade, fomento da participación directa na xestión da area de benestar social e cooperación e colaboración entre entidades».
«Todas estas funcións converten ao Consello Sectorial de Benestar Social nunha ferramenta cun gran potencial para mellorar os servizos sociais da nosa cidade. Tanto a participación coma a cooperación, parécenos dúas cuestións vitais a traballar dentro do Consello de Benestar e que este órgano funcione coma un instrumento útil para a area de Benestar Social e para os colectivos vulnerables da nosa cidade».
«A pesar das poucas convocatorias que tiveron lugar dende a súa constitución a valoración por parte das entidades é positiva e entendemos que este Consello participativo pode actuar como unha peza clave para o traballo e xestión do Benestar Social da nosa cidade».
«O impulso deste órgano participativo melloraría a xestión dos servizos sociais pois se compartiría información e demandas sociais vitais para coñecer a realidade da nosa cidade, xurdirían novas propostas e iniciativas para realizar dende esta area e coordinaríanse todos os recursos das entidades sociais e do Concello evitando duplicidades».
«Así mesmo, o propio regulamento do Consello, no seu artigo 9 marca unha periodicidade obrigatoria de catro xuntanzas ao ano en sesión ordinaria, unha cuestión que este goberno está a incumprir, pois dende que tomou posesión en xuño do ano pasado, non se convocou nin unha soa vez».
Por todo isto, dende FeC «parécenos importante que este Consello volva a funcionar e o goberno local impulse a súa reactivación convocando o máis axiña posible unha xuntanza».