O alcalde da cidade, José Manuel Rey Varela, presidiu o acto de entrega das distincións a Luis María Taboada González, Mercedes Pardo Hermida e Miguel Marqués Gómez e a Julián Andrés Fernández Saavedra e a María Teresa Fernández Martínez a título póstumo.

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, presidiu o acto de homenaxe do Concello de Ferrol a representantes veciñais celebrado no salón de plenos da casa consistorial, no que foi recoñecido o labor de Luis María Taboada González (AVV A Magdalena), Mercedes Pardo Hermida (AVV Serantes) e Miguel Marqués Gómez (AVV A Cabana).

A título póstumo, tamén se recoñeceu a traxectoria de Julián Andrés Fernández Saavedra (AVV Ensanche) e de María Teresa Fernández Martínez (AVV Ferrol Vello).
O alcalde trasladou publicamente a súa felicitación aos homenaxeados e puxo en valor todo o traballo que realizaron ao longo de décadas á fronte das asociacións veciñais, clave para conseguir melloras nos seus barrios e parroquias. Neste sentido, foron impulsores dos locais veciñais nos que desenvolvían a actividade das entidades que representaban e da participación cidadá, entre outros moitos fitos.

Rey Varela afirmou que “Ferrol é unha gran cidade da que nos sentimos profundamente orgullosos, na mesma medida na que nos sentimos orgullosos do que a conforma: os barrios do ámbito urbano e as parroquias do rural”. Lembrou que o tecido asociativo xoga un papel fundamental nos mesmos porque “representan unha canle a través da que os veciños e veciñas expresan as súas preocupacións e necesidades”.
Unha vez máis, o rexedor amosou a súa vontade que se manteña vivo o tecido asociativo veciñal, “grazas a persoas implicadas e comprometidas con Ferrol, como as homenaxeadas nesta xornada”.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.