O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, clausurou o acto de entrega dos IX Premios Down Galicia, nunha gala que se celebrou no teatro Jofre con motivo do Día Mundial da Síndrome de Down, e na que tamén participaron a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González, e o presidente da Federación Down Galicia, Delmiro Prieto.
Este ano os premiados foron Xoana Balado, na categoría individual, e o centro de emprego de Ferrol, na categoría institucional. A primeira é todo un referente na comarca para as familias con membros con síndrome de Down.
Recentemente xubilada, foi unha firme defensora da inclusión e do papel que xogan as familias na evolución persoal das persoas con síndrome de Down.
Así mesmo foi impulsora da atención temperá, con grandes beneficios no desenvolvemento dos nenos con discapacidade, tanto a nivel galego como nacional.
O centro de emprego do Concello de Ferrol recibiu este recoñecemento ao seu traballo pola especial sensibilidade coas persoas en risco de exclusión e coas persoas con discapacidade intelectual de Teima, coas que sempre contan para os seus programas e formacións para o emprego.
O alcalde felicitou aos premiados e, fixo fincapé en que “todos debemos poder acceder a un posto de traballo en función das nosas diferentes capacidades, sen que ningunha delas sexa excluínte polo mero feito de estar tipificicada ou considerada como discapacidade o síndrome”.
Rey Varela estendeu a felicitación á Federación Down Galicia, pola celebración deste acto na cidade departamental e polo traballo diario que realizan. Neste sentido, quixo tamén reivindicar o labor das entidades sociais de Ferrol e de Galicia.
“As súas directivas, colaboradores e socios son os heroes anónimos que están detrás de moitos dos avances que se producen no eido social en materia de igualdade e inclusión”, expresou. “No camiño da solidariedade, a inclusión e a igualdade, sempre Down Galicia sempre atopará a man amiga do Concello de Ferrol”, concluíu.
Así mesmo a conselleira de Política Social e Xuventude en funcións, Fabiola García durante a súa intervención agradeceu a asociación Teima Down os seus 30 anos construíndo unha Galicia máis xusta para as persoas con discapacidade na comarca de Ferrolterra.
A conselleira lembrou que a través do esforzo colectivo de todos os integrantes da sociedade, a nosa Comunidade é cada ano un lugar máis accesible e inclusivo no que vivir. Así, apostou por seguir impulsando medidas e axudas que axuden a cada cidadán a realizar o seu proxecto de vida con autonomía.
Pola súa banda Valentin Formoso animou a “traballar cada día pola inclusión e a igualdade de oportunidades”
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, animou no acto conmemorativo do Día Mundial da Síndrome de Down a “traballar cada día pola inclusión e a igualdade de oportunidades”.
Down Galicia elixiu este ano o Teatro Jofre de Ferrol para a celebración da súa gala do 21 de marzo, coincidindo co 30º aniversario da asociación Teima Down, da que o presidente provincial destacou o seu traballo durante esas tres décadas en eidos coma a atención temperá, a inclusión educativa ou o fomento da vida autónoma.
Na súa intervención, Formoso chamou tamén a unirse ao lema proposto este ano polas Nacións Unidas, “Rematar cos estereotipos” e invitou nese senso, a “desbotar ideas preconcibidas que só levan a infravalorar e excluír”.
Lembrou que a trisomía 21 “é unha condición común a máis ou menos un de cada mil nacidos” e afirmou que o conxunto da sociedade debe ter como obxectivo que “poidan vivir coma calquera outra persoa, gozar das alegrías e enfrontar os problemas”.
O presidente fixo referencia ao apoio que a Deputación presta a entidades coma Teima, o que considerou “unha responsabilidade”, pero destacou que tamén produce “unha gran satisfacción” comprobar como esa axuda se traduce en mellorar a vida de moita xente.
“Se queremos, a inclusión efectiva non só é posible: é unha realidade”, concluíu antes de felicitar aos galardoados o Centro Municipal de Emprego de Ferrol, na categoría institucional, e a psicomotricista Xoana Balado, na categoría particular. En ambos casos, destacou a súa longa traxectoria. No primeiro, no ámbito da integración laboral, e no segundo, por “toda unha vida” dedicada á atención temperá.