O voceiro do grupo de goberno de Narón, Román Romero, coincide coas ANPAS de Narón en reafirmar que o servizo de madrugadores que se ofrece en centros de ensino non é competencia deste colectivo. Así mesmo, incidiu no feito de que “tal e como reiteradamente trasladamos tanto á Xunta como á Fegamp, dende o Concello non podemos continuar asumindo competencias que non son propias das administracións locais, e así o avalan tamén os informes dos que dispoñemos de persoal técnico e que se presentaron ás ANPAS”.
A Xunta de Galicia asume a xestión dos comedores escolares dos centros de ensino da cidade, un servizo operativo ao mediodía e coa mesma función que o de madrugadores. “Non é de recibo que as nais e pais nin o Concello teñan que asumir un servizo que é competencia da Xunta de Galicia”.
Romero lamentou que “a pesar da gravidade da situación a Xunta, concretamente o Conselleiro de Educación, continúe sen recibir á alcaldesa da cidade e ás ANPAS para abordar este problema e outros que afectan ao ámbito educativo”. O edil recordou que “incluso recurrimos á Valedora do Pobo para trasladarlle o noso malestar e pedirlle a súa intermediación para que o conselleiro nos reciba”.
A alcaldesa de Narón, Marían Ferreiro, manterá unha xuntanza, solicitada polo Concello, o vindeiro martes co presidente da Fegamp, Alberto Varela, para tratar de abordar esta problemática, entre outras, que afectan á cidade e tamén a outros concellos que asumen competencias impropias.
O voceiro do goberno local asegurou que “dende o Concello continuaremos defendendo os intereses dos nosos veciños, neste caso para que a Xunta asuma un servizo que non teñen que pagar os naroneses senón a propia administración”.