Moeche, espazo esta fin de semana para promocionar o «queixo feito con mimo».
A presentación tivo lugar en Afundación Ferrol e a encargada de abrila foi a concelleira de Turismo de Ferrol, María del Carmen García, como representante do concello anfitrión do acto, quen lle desexou á feira «moito éxito e moitas vendas aos artesáns participantes no evento», ademais de agradecer «a posta en valor dun produto excelente».
Pola súa banda, Xosé Mazaira, responsable da queixería chantadina Airas Moniz e secretario de QueRed, celebrou que Moeche vaia acoller o primeiro encontro estatal dunha rede «da que formamos parte 400 queixarías artesanais de España que abranguen as 17 comunidades autónomas».
Mazaira destacou neste sentido que a feira ofrecerá nun mesmo espazo «elaboracións totalmente distintas» que serán do gusto as persoas amantes do queixo, pero tamén un exemplo de como a transformación leiteira pode axudar a mellorar as rendas das explotacións:«creo que vai ser un referente para moita xente que ten gandaría e que non sabe que facer co leite. Ese é un dos obxectivos, dar a coñecer a cultura do queixo que hai en España e animar á xente de Galicia a que transforme o leite porque hai moitas oportunidades de negocio», asegurou o artesán.
Xosé Regueira responsable provincial de Turismo, Promoción económica e Cadea Agroalimentaria reiterou o apoio da Deputación da Coruña ás iniciativas neste sentido que están poñendo en marcha «os concellos máis pequeniños», como é o caso de Moeche, «que invisten en xerar oportunidades de negocio pero tamén para que a xente que vive no rural poida seguir vivindo e traballando no rural».
Argumentos que o seu departamento está promovendo a través da marca A provincia que sabe. «A gastronomía vai darnos moitas oportunidades para diversificar o turismo, pero tamén para avanzar no compromiso co quilómetro cero, coa sostenibilidade e co territorio»
Regueira reiterou, neste sentido, o apoio da Deputación da Coruña ás iniciativas que están poñendo en marcha «os concellos máis pequeniños» como é o caso de Moeche, «que invisten en xerar oportunidades de negocio pero tamén para que a xente que vive no rural poida seguir vivindo e traballando no rural». Exemplo diso é a Feira do Queixo de Moeche, que exhibirá a excelencia dos queixos elaborados en pequenos obradores de toda España e, ademais, reivindicará as posibilidades da transformación leiteira vinculada á calidade, aos produtos diferenciados e á sostenibilidade.
A alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, agradeceu o apoio da Deputación e de QueRed na organización da feira desta fin de semana que, segundo debullou, estará centrada o sábado nun público profesional, coa presentación da propia rede estatal e unha sesión formativa, mentres que o domingo, «o día grande», abrirá ao público ás 10:00h con «39 queixarías, 16 postos artesanía agroalimentaria e todo tipo de actividades para que a xente pase a xornada: obradoiros de queixaría, catas comentadas co artesán queixeiro Alejandro Montes, actuacións musicais, sorteos… Pero o principal será probar os queixos de todo o Estado», avanzou Bascoy como resume dun programa que pode consultarse nesta ligazón.
Haberá obradoiros para a rapazada, música, catas comentadas, showcookings, visitas guiadas ao castelo e un Tren do queixo que sairá ás 10:45 horas da estación de Ferrol con destino a Moeche, son algúns dos alicientes que, xunto á ampla variedade de queixos, prometen atraer ao recinto feiral de San Ramón a miles de visitantes.
A alcaldesa, que estivo acompañada pola titular de Desenvolvemento local, Cris Rey, cualificou, a feira do queixo como «a nosa xoia» (sen desmerecer a cita do 23 de Abril) por tratarse dunha aposta que arrancou en 2016 para mostrar «a calidade das queixarías artesás, dese queixo que se prepara con moito coidado, con moito mimo, que acaba sendo un produto diferenzado e unha vía de saída moi importante para o sector lácteo».
Bascoy rematou a súa intervención no acto recalcando que a Feira do Queixo busca «busca potenciar o sector lácteo e que Moeche sexa un espazo de referenza para o sector artesán».
Á presentación que tivo lugar na sede de Afundación Ferrol tamén asistiron, ademais da representación institucional e organizadora, membros do tecido asociativo de Moeche, representantes da hostalaría da comarca e responsables de Lácteos Moeche. Por xentileza desta firma, que colabora coa feira desde os seus inicios, varios establecementos servirán queixo de Moeche como petisco durante o sábado 16. Son o Trintaedous en Pontedeume, o Mesón Alfonso, zona Ultramar, Ferrol, a cafetería Platea, Amboage, e o Ábaco, na Magdalena. Os bares e restaurantes de Moeche farán o propio durante a xornada do domingo.