Cedeira presenta tres proxectos á convocatoria de axudas do GALP para EDLP

O Concello de Cedeira vén de presentar tres proxectos á nova convocatoria de axudas para estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP) que xestionan os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP), neste caso o da Mariña-Ortegal, con financiación do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura.

Son tres programas para realizar en tres anualidades e que suman un orzamento de 190.557€, todos eles dirixidos a fomentar unha economía azul e sostible na zona.

O proxecto Respira Cedeira, cun gasto previsto de 54.680,92€, vai dirixido a fomentar o descubrimento da riqueza do litoral a través dun programa composto por catro rutas tematizadas. Trátase de poñer en valor o patrimonio natural, arquitectónico e inmaterial vinculado ao mar, aos oficios pesqueiros e mariñeiros.

Coidamos Cedeira, o segundo dos proxectos presentados, ten un orzamento de 74,201,75€ e adícase á conservación dos recursos pesqueiros, mariqueiros e acuícolas. O proxecto, no que o Concello contará coa colaboración da Confraría de Pescadores, a Sociedade Galega de Historia Natural e a asociación Arce, abrangue a realización de obradoiros no CEIP Nicolás do Río, a organización dun certame escolar, unha xornada divulgativa e un programa de captación de investigación universitarias.

Por último, Cedeira Mar de Vida é un programa enfocado á promoción de hábitos saudables a través do consumo de alimentos de proximidade, concretamente os procedentes da pesca local, e tamén da actividade física. O proxecto traducirase na realización de varios obradoiros co alumnado do IES Punta Candieira, a organización dun certame escolar e a realización de varias saídas coa rapazada polo territorio.

A idea é que os mozos traballen como transmisores dos hábitos saudables e que estas actividades teñan un efecto multiplicador nas súas familias. Neste caso, o presuposto é de 61.674,72€.

O Concello de Cedeira ten unha ampla experiencia no desenvolvemento e execución de proxectos do GALP. Desde 2020 levou a cabo, ben individuais ou en colaboración con outras entidades do territorio, os seguintes cinco: PescaturAcción, Emprendepesca, Cedeira Mar, Cedeira Mariñeira e Cedeixura. Entre todos movilizaron máis de 442.000€ de fondos europeos.

Lea también

Rueda subraya la inversión en infraestructuras del agua en Ares para impulsar el turismo de calidad

El presidente de la Xunta destaca la necesidad de servicios «a la altura» del entorno …