O Consello de Contas de Galicia vén de publicar unha auditoría sobre os programas de entidades locais para a atención de persoas refuxiadas da guerra de Ucraína. Nela destaca o papel da Deputación da Coruña, que desenvolveu “un programa máis relevante” respecto de outras administracións.
O “Informe de fiscalización ‘pronta’ das medidas adoptadas polas entidades locais de Galicia para abordar a crise humanitaria provocada pola invasión de Ucraína”, aprobado polo pleno do Consello na súa sesión do 29 de febreiro pasado, destaca que a Deputación puxo en marcha un plan “completo e específico”. Fai notar tamén que se acadou “unha integración laboral do 30 %, que resulta plausible tomando a fase de formación como parte do proceso” e que os resultados do programa “mostran unha escolarización do 100 %”.
Do mesmo xeito, o Consello subliña que a documentación remitida pola Deputación para facilitar a súa tarefa fiscalizadora “é completa e analítica, o que permite unha revisión áxil do seu contido e repercusión”.
Logo da invasión de Ucraína por parte de Rusia o 24 de febreiro de 2022, a Deputación da Coruña puxo rapidamente a disposición do Goberno prazas de acollida para persoas refuxiadas da guerra. Para iso, habilitou a residencia estudantil do IES Rosalía Mera.
As primeiras familias chegaron a finais de abril, logo de que se formalizase coa Cruz Vermella un acordo de colaboración para prestarlles atención e despois de que as instalacións se dotasen de mobiliario axeitado coa colaboración solidaria de Inditex.
Segunda fase de integración
Dende entón, pasaron pola residencia 109 persoas, moitas delas menores. A maior parte atópanse xa nunha segunda fase do programa, durante a que se lles procura unha maior integración na sociedade galega. Trátase de normalizar a súa situación, trasladándoas a vivendas e tratando de que aproveiten o período de adaptación na residencia, ademais da aprendizaxe do idioma, para integrarse no mercado laboral e na vida cotiá.
Para atender ás necesidades das familias refuxiadas, no 2022 dotouse á residencia do IES Rosalía Mera de todos os equipamentos necesarios. Nas instalacións, que contan con 22 habitacións con baño individual, ofreceuse a cobertura de necesidades básicas como a alimentación, servizos de lavandería, conexión a Internet, etcétera.
O centro dispón, ademais, con zonas comúns como salas de estar, de xogo, biblioteca, sala de televisión, comedor, cociña-office, despensa, sala de computadoras e despachos para os profesionais responsables da xestión.
Entrega de catro ambulancias
O informe de fiscalización do Consello de Contas tamén fai referencia á “doazón en especie de catro ambulancias” que a Deputación cedeu ao Ministerio de Saúde de Ucraína. Foi en resposta á petición que o embaixador ucraíno, Serhii Pohoreltsev, lle fixo ao presidente provincial, Valentín González Formoso, durante unha reunión en Madrid.
Os vehículos entregáronselle en Santiago ao representante diplomático en setembro de 2022. Antes, foi necesario acondicionalos e equipalos, xa que se trataba de unidades ao final da súa vida útil, polo que a Deputación fíxose cargo dun investimento de 29.000 euros.
Visibilización do conflito a través da exposición “A guerra dos civís”
As iniciativas da Deputación sobre o conflito incluíron ademais aspectos como a visibilización da crise humanitaria. Así, en marzo do ano pasado a institución provincial levou ao Centro Torrente Ballester, de Ferrol, a exposición do fotógrafo Luis de Vega “Ucraína, a guerra dos civís”, que está a percorrer diferentes cidades de toda España. O obxectivo da mostra, en colaboración coa Fundación Anastasio de Gracia e o Concello ferrolán, era sensibilizar á sociedade da terrible realidade que está a vivir a cidadanía ucraína.
Informe do Consello de Contas de Galicia: