O Concello de As Pontes licita por 23.689 euros, os traballos de mellora dos viarios en Cancelas, Poupariña, Esvedral, Penapurreira e RamallaL-Louseira co obxectivo de dotalos dunha maior calidade, tanto estrutural como superficial, para garantir, deste xeito, a seguridade do tráfico.
A través destas actuacións, o goberno local continúa co seu proxecto para mellorar as infraestruturas do ámbito rural, favorecer a calidade de vida da veciñanza, que sumadas ás actuacións xa levadas a cabo e as previstas acometer nos próximos meses, permitirán avanzar cara un municipio máis accesible, cómodo e seguro.
Os traballos, financiados a través do POS da Deputación da Coruña, permitirán a mellora e substitución da actual capa de rodadura para o que será preciso levar a cabo actuacións de varrido de superficie e limpeza de marxes, ademais procederase ademais á limpeza das cunetas e á eliminación de vexetación que invada os viais.
Por outra banda, naquelas zonas da estrada que se atopen afundidas, realizarase un bacheado previo mediante a achega de pedra e a selaxe mediante unha rega con grava miúda.
O afirmado realizarase mediante a extensión dun dobre tratamento superficial formado por unha dobre rega con grava miúda. No caso da estrada de acceso a Esvedral e de Ramallal á Louseira, previamente a devandito dobre tratamento superficial, deberase executar unha capa de saburra artificial e unha capa de macadam bituminoso finalizado mediante unha rega de penetración e recebo.
Os traballos rematarán coa reposición da sinalización vertical.