EUROPE DIRECT A Coruña inicia «Hello, Europe!» un ciclo de formacións en liña

O centro EUROPE DIRECT A Coruña-Deputación da Coruña organiza xunto a EUROPE DIRECT Asturias – Federación Asturiana de Concejos a iniciativa «Hello, Europe!» un ciclo de formacións en liña orientadas a fortalecer as competencias da xente nova para participar das oportunidades de formación e laborais da Unión Europea

O primeiro curso terá lugar o vindeiro 7 de marzo, de 13 a 14 horas, e dará a coñecer á mocidade da provincia os recursos dispoñibles para desenvolver unha carreira investigadora en España e na Unión Europea.

A charla Carreira investigadora en España e en Europa: Por onde empezo? estará impartida por profesionais do punto que a rede Euraxess ten na Universidade da Coruña. Nela, daranse a coñecer os recursos e oportunidades para a investigación en Europa e tamén o traballo de apoio que realiza a rede Euraxess, impulsada pola Comisión Europea, para as persoas investigadoras en cuestións como o recoñecemento de diplomas, Seguridade Social ou outras dúbidas legais ou culturais.

O rexistro para participar na actividade, que ten límite de prazas, está aberto dende o 20 de febreiro ata o 6 de marzo ás 14 horas e estará dispoñible no seguinte enlace:

https://www.dacoruna.gal/europedirect/europe-direct-coruna/agenda/2024/carrera-investigadora-en-espana-y-europa-por-donde-empiezo/

As formacións de Hello, Europe! terán continuidade ao longo do ano. No mes de abril están previstas tres novas sesións. Na primeira delas, as persoas participantes aprenderán, dunha maneira práctica, a deseñar e redactar un CV Europass que poña en valor as súas competencias e habilidades. Este obradoiro terá lugar o 15 de abril ás 16 horas.

O obxectivo da segunda formación, Candidaturas competitivas: cartas de motivación e presentación, é facilitar técnicas e orientacións para crear unha candidatura en consonancia cos requisitos do mercado da Unión Europea. É o 16 de abril ás 16 horas.

Ao día seguinte, o 17 de abril e no mesmo horario, celebrarase a terceira sesión, Coñecemento de habilidades dixitais no espazo europeo. Esta formación ten como referencia o Marco de Competencias Dixitais para a Cidadanía da UE para incidir no coñecemento de ferramentas de datos, comunicación e colaboración, creación de contido, seguridade e resolución de problemas.

Os tres obradoiros son independentes e con prazas limitadas, polo que é preciso rexistrarse para cada un deles antes do venres 12 de abril ás 14 horas no enlace:

https://www.dacoruna.gal/europedirect/clubue/aprender/hello-europe-obradoiros-formativos-en-lina

Estas accións están dirixidas a mozos e mozas que pertenzan aos ClubUE de A Coruña e Asturias, así como a mocidade dos municipios que forman parte da rede Europa no teu Concello.

O ClubUE é unha iniciativa de EUROPE DIRECT A Coruña para unir a mozos de 18 a 30 anos cun lazo común, o interese por coñecer, aprender e participar das oportunidades que ofrece a Unión Europea. EUROPE DIRECT Asturias replicou esta acción no seu territorio e ambos centros teñen colaborado xa en varias actividades que inciden no intercambio de experiencias e creación de rede entre xente moza das dúas zonas.

EUROPE DIRECT A Coruña é un centro de información oficial da Comisión Europea que pertence á Deputación da Coruña. A misión do centro, que iniciou a súa traxectoria no ano 1996, é traballar coa cidadanía, os medios de comunicación e as entidades locais cos obxectivos de implicar á poboación en temas europeos, así como proporcionar contidos sobre as políticas e as prioridades da UE. Tamén axudar á Comisión Europea a adquirir unha visión xeral das sensibilidades locais relacionadas coas súas políticas e promover a cidadanía europea activa nas escolas.

Para información complementaria, pódese contactar a través do correo electrónico europedirect@dacoruna.gal, ou ben, no número de teléfono 981 080 331.

Lea también

Guía Repsol selecciona más de 300 ‘Soletes’, 24 de ellos en Galicia, para disfrutar en Semana Santa

Entre los seleccionados de Galicia está ‘O Bacoriño’ en Ferrol. Guía Repsol ha seleccionado más …