Narón celebra o Día Internacional da Muller con varias propostas

A alcaldesa, Marián Ferreiro, presentou no Concello de Narón os actos do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, acompañada pola edil de Igualdade, María Lorenzo e polos tamén edís de Deportes, Ibán Santalla, e Bibliotecas, Olga Ameneiro.

A rexedora local destacou o feito de que se trata de propostas “moi variadas e dirixidas a persoas de todas as idades” e animou á cidadanía a participar nestes actos, encamiñados a promover a igualdade real entre mulleres e homes.

A programación deseñada dende o Concello iniciarase este venres, día 1, coa apertura da mostra “Arte en femenino” na Biblioteca municipal, que se poderá ver ata o 9 do vindeiro mes.

As persoas que se acheguen á sala de adultos disporán de libros e outros materiais que tratan a situación da muller na arte ao longo da historia.

O día 3 de marzo, este domingo, terá lugar a “Carreira e andaina pola Igualdade” organizadas polo Concello. Con saída e meta das inmediacións do pavillón polideportivo da Gándara, as saídas das carreiras comezarán ás 10:00 horas nas categorías de menores, se ben ás 11:00 sairán os participantes na carreira absoluta e ás 11:15 horas os da andaina, cun percorrido de 5.000 e 4.500 metros respectivamente. Aquelas persoas que desexen acudir poden anotarse ata o mércores 28, ás 23:30 horas, na web: www.carreirasgalegas.com.

A seguinte cita da programación do 8M será o día 6, cunha charla-coloquio no centro comunitario Manuela Pérez sobre “A invisibilidade da dor crónica nas mulleres”, que terá como relatora a María López Blanco e que dará comezo ás 17:00 horas.

O acto central do Día Internacional da Muller será o 8 de marzo, na Casa do Concello ás 17:30 horas. Na noite desta xornada tamén se procederá á iluminación en cor malva do Pazo da Cultura, o edificio do Xulgado, a Casa da Cultura e a glorieta de Freixeiro.

O día 9 de marzo, na Biblioteca municipal terá lugar ás 11:00 horas o contacontos “Contamos en igualdade”, dirixido a público infantil, a partir de 3 anos, e familiar. Os asistentes desfrutarán dunha sesión de contos libres de estereotipos de xénero e o obxectivo da convocatoria é promover a igualdade entre os nenos.

As prazas poden reservarse, ata completar o aforo, na Biblioteca municipal. “Todas as voces contan” é a proposta da programación do 8M para o 15 de marzo, día no que ás 19:30 horas haberá unha representación teatral nas instalacións da Biblioteca. Trémola Teatro protagonizará este contacontos para público xuvenil e adulto, un espectáculo que ten entre as súas finalidades reflexionar sobre o paso do tempo e os cambios que este produciu na igualdade de xénero, na muller rural e na terceira idade.

A tradicional Cea das mulleres será tamén o 15 de marzo, ás 21:30 horas no restaurante Casa Becerra. Alí procederase a homenaxear á Muller do ano 2024, unha persoa que elixirá a corporación local.

As mulleres que desexen acudir poden adquirir dende este venres, 1 de marzo, os tickets da cea ata o 12 de marzo, a un prezo de 30 euros chamando ao número de teléfono 650 144 527 ou no citado establecemento de hostalería local.

O último acto da programación municipal do 8M será o 22 de marzo e consistirá nunha proxección-coloquio. “Todas as mulleres que coñezo” (2018), da cineasta Xiana do Teixeiro comezará ás 18:00 horas no centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiro.

A proposta enmárcase na campaña “A noite en igualdade”, deseñada co fin de traballar a prevención das agresións sexuais e as violencias machistas no ocio nocturno, promovendo deste xeito un espazo-conversa arredor deste documental.

Lea también

Herida una animadora del tren navideño de Narón al caer del vehículo en marcha

La joven, que realizaba labores de animación caracterizada como «elfa», fue trasladada a un centro …