Ferrol contará con catro equipos para participar no Club de Debate ALingua, que se celebra este mércores 28 no Concello de Santa Comba. Son un equipo do IES Concepción Arenal, un equipo do IES Saturnino Montojo e dous equipos do IES Canido.
Estes alumnos xunto, cos alumnos do veciño Concello de Narón, participarán o mércores nesta fase previa cuxo tema a debater é Débense prohibir os teléfonos móbiles nos institutos?.
Os equipos participarán de dous debates cada un e deberán defender a postura a favor e en contra respecto do tema. Do total de 22 equipos participantes nesta fase previa de tres xornadas, seleccionaranse seis equipos para pasar á final, que terá lugar no Val do Dubra o 13 de abril.
No mes de xaneiro os alumnos ferroláns recibiron unha xornada de formación en habilidades comunicativas, na que puideron coñecer e practicar o uso de distintas ferramentas e de documentación para debater do mellor xeito posible.
O Club de Debate é unha actividade promovida polos concellos de Ferrol, Narón, Pontevedra, Ames, Carballo, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Teo e Val do Dubra. Está dirixido a rapaces e rapazas de 3o e 4o de ESO, 1o de bacharelato ou dos ciclos formativos que comprendan as mesmas idades en equipos mixtos e compostos por un mínimo de catro e un máximo de 10 membros mais a persoa preparadora (docente, PAS…).
Con este programa procúrase favorecer o uso do galego oral en contextos formais (os propios debates) e informais (a convivencia que se xera).