Un reto real proposto por Navantia e 24 horas para atopar unha solución innovadora. A terceira edición do Hackathon Navantia Next Pioneers reta este xoves 29 e venres 1 a preto de 60 estudantes de enxeñaría no Campus Industrial de Ferrol
Este é o desafío ao se que enfrontan os 55 estudantes de enxeñaría da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) e da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e os cinco enxeñeiros e enxeñeiras junior de Navantia que resultaron seleccionados para participar na terceira edición do Hackathon Navantia Next Pioneers que dará comezo, este xoves 29 de febreiro, ás 15:00 horas, no Campus Industrial de Ferrol.
Entre o grupo de estudantes da Universidade da Coruña seleccionados para participar nesta terceira edición do Hackathon Navantia Next Pioneers figura alumnado dos últimos cursos do grao en Enxeñaría de Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto, titulación que se imparte na Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI), e do grao en Enxeñaría Mecánica, do programa de Simultaneidade do grao en Enxeñaría Mecánica e do grao en Enxeñaría Naval e Oceánica, do máster en Informática Industrial e Robótica, do máster en Eficiencia Enerxética e Sustentabilidade así como do máster Erasmus Mundus en Sostibilidade e Industria 4.0 aplicada ao Sector Marítimo (SEAS 4.0), todos eles estudos vinculados á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF).
O evento preséntase como unha oportunidade única para innovar, crear, aprender, colaborar e demostrar talento. Navantia e o Campus Industrial da Universidade da Coruña, en colaboración coa Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) e máis coa Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), presentan un espazo no que experimentar coa transformación dixital e as SmartTech.
Ao longo das 24 horas que dura este hackathon, as persoas participantes, divididas en pequenos equipos de non máis de cinco persoas, contarán co apoio de profesionais do sector naval e da enxeñaría para acadar a solución do reto proposto. Do mesmo xeito, os participantes recibirán dúas charlas motivadoras co obxectivo de animalos e animalas a continuar traballando a contra reloxo na procura desa solución innovadora.
A primeira delas, prevista para o xoves 29 de febreiro, ás 20:30 horas, será impartida, vía Teams, polo manager comercial para Europa de Navantia, Alfonso Valea González.
A segunda terá lugar o venres 1 de marzo, ás 08:30 horas, e estará a cargo da responsable das Relacións con Universidades e integrante do Departamento de Recursos Humanos de Navantia, María Teresa Galdo Aldrey.
O xurado estará composto por profesionais designados por Navantia, pola Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) e máis pola Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF). Tal e como se recolle nas bases do Hackathon Navantia Next Pioneers, este xurado valorará, entre outros, o grao de adecuación e impacto da solución do problema, o grao de creatividade e innovación da idea, a súa viabilidade tanto técnica como económica así como a calidade e a claridade da súa exposición.
Os integrantes do equipo gañador obterán unha bolsa de formación dun ano de duración en Navantia.
2 comentarios
Pingback: Noticias sobre el sector naval en Galicia. 27 02 2024 - Delegación del COIN en Galicia -
Pingback: Recortes de prensa regional sobre el sector naval en Galicia. 22-28/febrero/2024 - Delegación del COIN en Galicia -