“Sempre me comes a orella” do restaurante Fame Kanalla, foi a gran triunfador.
A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a edil de Promoción Económica, Olga Ameneiro, entregaron este venres no Concello os premios da novena edición do “Concurso de tapas de Entroido”.
O restaurante Fame Kanalla obtivo os premios concedidos tanto polo xurado profesional como pola clientela, dotados con 500 e 300 euros respectivamente. A súa elaboración, unha tosta de arroz uruchimai con pesto de grelos e os elementos do cocido rematado cunha orella doce, baixo o nome de “Sempre me comes a orella”, foi a gañadora das catorce presentadas á convocatoria.
O Tapeo, o bar A Toxiña, o mesón Con Arte, Nueva Orleáns, cervexaría Australian, Casa Sindo, El Olivo cocina bar, Fame Kanalla, Confeitura, Silver, bar Tauro, hotel A Roldana, El Colonial e Mamá Flora foron os establecementos que se presentaron ao certame, que ofreceu tapas á clientela–a un prezo de dous euros- dende o 8 ao 14 deste mes de febreiro.
A clientela que participou no certame optou a tres premios, tres ceas por importe de 100 euros cada unha que deberán desfrutar como data tope ata o 15 de marzo deste ano no establecemento de hostalería local que elixan dos que participaron neste concurso. Miguel Fidalgo, Clara Caínzos e Alba Cabezón resultaron os agraciados tralo sorteo realizado a través dunha aplicación informática e no que se contabilizaron os 844 votos emitidos.
A maiores dos premios, os catorce establecementos de hostalería recibiron un detalle promocional pola súa participación no certame e, ademais, o representante de Fame Kanalla tamén levou dous delantais promocionais e unha placa coa imaxe do certame.
A alcaldesa e a edil de Promoción económica felicitaron aos premiados e premiadas na convocatoria e agradeceron a implicación dos catorce establecementos que este ano quixeron sumarse a esta iniciativa, enfocada a promocionar o sector hostaleiro local. Sobre o mesmo, Ferreiro subliñou que “contamos cunha moi ampla oferta de hostalería na cidade que ofrece á clientela produtos de gran calidade, que con motivo de convocatorias como esta podemos promocionar entre as veciñas e veciños de Narón e tamén doutros concellos”.