A Agrupación Instrutiva de Caamouco AIC acolle este domingo 25 ás 18:00 horas un acto de homenaxe á galega Andrea López Chao, mestra emigrada a Cuba e impulsora do Hospital Hijas de Galicia da Habana.
O acto de recoñecemento terá lugar coincidindo co 150 aniversario do seu nacemento e o centenario da fundación do hospital. Un sanatorio que naceu no seo da Asociación Hijas de Galicia, da que López Chao se converteu na primeira muller elixida para ocupar a vicepresidencia desa institución.
A homenaxe na Agrupación Instrutiva parte da iniciativa dunha serie de entidades socioculturais lideradas polo colectivo Abrindo Camiño de Mondoñedo, de onde era natal López Chao. De feito, este acto intégrase nas XVII Xornadas do Peregrino ‘Abrindo Camiño’ que, ademais de en Caamouco, celebrarán actos en Mondoñedo, Ribadeo, Vilalba, Lugo e na Casa de Galicia de Madrid.
O acto do domingo será inaugurado polo presidente da Agrupación Instrutiva de Caamouco, Dani García, e o alcalde do Concello de Ares, Julio Iglesias Redondo.
A continuación, tomará a palabra Patricia Arés Muzio, doutora en Psicoloxía na Universidade da Habana e bisneta de Andrea López Chao, e que encabezará un coloquio titulado ‘Muller e familia: 100 anos entre a miña bisavoa e eu’. A continuación, analizarase a figura da mestra, nunha mesa á que se sumará tamén a xornalista e escritora María Xosé Porteiro, e o investigador e historiador Daniel Vázquez Vila.
Canda eles, tamén tomará a palabra a cineasta galego-cubana Violeta Ramos Valdés, que se encargará de presentar o seu proxecto audiovisual O poder de educar: Andrea López Chao.
As persoas que asistan ao acto terán tamén oportunidade de ver un avance dese documental. O coloquio estará moderado por Julia Díaz Sixto, presidenta do Club de Prensa de Ferrol.
Recepción en Caamouco e visita ás Alianzas
Ademais do acto de homenaxe, a Agrupación Instrutiva de Caamouco encargarase de facer unha repeción á comitiva que encabeza a bisnesta de Andrea López Chao, co izado das bandeiras na fachada da súa sede, incluíndo a cubana, e un xantar.
A maiores, o Concello de Ares, a través da súa concelleira de Cultura, Alma Barrón, encargarase de amosar ao grupo a Alianza Aresana de Instrución, a decana das escolas galegas fundadas pola emigración a comezos do século XX.