Entregados en Narón os «X Premios Emprende Xove Minimarket 2024»

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, clausurou este mércores no Pazo da Cultura a décima edición dos Premios Emprende Xove Minimarket, organizados pola Asociación Jóvenes Empresarios (AJE).

Un total de corenta e catro proxectos optaban aos premios concedidos neste certame no que a maiores de alumnado de Formación Profesional e da ESO e Bacharelato participou por vez primeira a Universidade da Coruña.

Xogos de mesa, axencias de viaxes especializadas en venda de experiencias persoalizadas, un centro de día, unha empresa de seguridade, un pastilleiro intelixente, un monovestidor, un robot, un barco-restaurante de luxo, unha gardería para cans, un local de alugueiro de patinetes eléctricos, elaboración de prendas para aliviar os dolores menstruais e unha axencia de comunicación foron algunhas das propostas presentadas. O xurado, do que formou parte a rexedora local, así como o  secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, encargouse de coñecer cada un destes proxectos para posteriormente deliberar os premios.

A presidenta de AJE Ferrolterra, Yadira Tenreiro, abriu ás 12:30 horas o acto oficial, no que tamén participaron, entre outros, o presidente de AJE Galicia, Luciano Covelo e representes das administracións autonómica, provincial e local. Trala intervención de Tenreiro deu comezo a entrega dos premios desta convocatoria.

O accésit ao mellor proxecto máis sostible ou con maior responsabilidade social foi para “Pequerrechos Baby Shop”, da Compañía de María (Ferrol), unha tenda física con alugueiro de artículos para bebés e venda de roupa e artigos de segunda man, ademais de dispoñer de cafetería con comida para bebés.

O accésit ao mellor proxecto en innovación recaeu en “Dailypill”, do colexio Cristo Rey (Ferrol). Trátase neste caso dun pastilleiro intelixente dirixido a persoas que teñen que tomar varias pastillas ao día e este proxecto recórdalles cando deben tomalas mediante un sistema de luces e sons, co fin de que non esquezan tomar a súa medicación.

O premio ao mellor proxecto empresarial na categoría de ESO e Bacharelato foi para “Meetivity”, do IES Fene, unha idea de negocio consistente nunha aplicación que permite aos usuarios e usuarias ver que actividades se están desenvolvendo ao seu arredor e unirse ou publicar actividades para que a xente se una e realizalas en grupo.

O premio ao mellor proxecto empresarial na categoría de FP foi para “Alén as terras”, do CPR plurilingüe San José, de Pontedeume. Neste caso o proxecto consiste nunha axencia de viaxes especializada na venda de experiencias persoalizadas adaptables ás suxestións e necesidades da clientela.

Finalmente concedeuse o premio ao mellor proxecto empresarial na categoría Universidades a “Beboppy”, da Universidade da Coruña. A alcaldesa, Marián Ferreiro, a presidenta de AJE Ferrolterra, Yadira Tenreiro e a vicereitora da UDC, Ana Pernas, entregaron este galardón a un proxecto que aposta pola posta en marcha dunha empresa centrada no benestar das mulleres, desenvolvendo prendas que lles axuden a aliviar as dores durante a fase
menstrual.

O acto pechou coa intervención da alcaldesa da cidade, que felicitou a AJE por esta iniciativa, que alcanza xa a súa décima edición.

Ferreiro trasladou os parabéns aos responsables dos proxectos premiados e tamén a todas aquelas persoas que participaron nesta iniciativa. “Este acto de entrega de premios pon o broche de ouro a moitos meses de traballo no que é unha clara aposta polo emprendemento. Un emprendemento moi característico da nosa comarca, onde temos grandes exemplos de empresas moi asentadas hoxe en día que xurdiron grazas á valentía e aposta de persoas emprendedoras”, recalcou a rexedora local.

Así mesmo, Ferreiro comprometeu a colaboración do Concello, no marco das súas competencias, para que os proxectos presentados hoxe “teñan o mellor dos futuros”.

Lea también

O Pazo da Cultura de Narón acolle un espectáculo de danza e música tradicional

O Pazo da Cultura de Narón acolle este sábado 30, ás 20:00 horas, un espectáculo …